CONSORCIO

A Fundación Granell gaña 400 metros cadrados en Bendaña para albergar a biblioteca persoal do artista

18/03/2009 O edificio do Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell, vai ser sometido a un proceso de acondicionamento de novos espazos, tras a anexión da superficie ocupada ata agora dentro do inmoble pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA). Para estas obras, o Consorcio destina 629.896 euros.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou esta ampliación, que supón un incremento de máis de 400 metros cadrados (348 útiles). Deste xeito, a Fundación Granell disporá de máis de 2.500 metros construídos no Pazo de Bendaña, un edificio incluído no Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

Ábrese agora o prazo para a licitación dunha obra que o alcalde estima que estea rematada nun prazo de 10 a 12 meses. Grazas á reordenación de funcións que se fixo, apuntou Sánchez Bugallo, non será preciso pechar a Fundación mentres se desenvolven as obras.

Desde o punto de vista funcional, a actuación trata de reordenar as necesidades da Fundación Granell ás características do edificio. Así, os lugares públicos de exposicións xirarán arredor da escaleira principal do Pazo, reservando os espazos administrativos en contacto coa medianeira da rúa do Vilar. Deste xeito créase unha área administrativa interconectada con acceso propio dende a rúa do Vilar.

Na primeira planta reordénase o espazo expositivo, destinando as zonas que non posúan iluminación natural para a nova ubicación de almacenaxe e obradoiro de conservación do Museo. Ademais, libérase a planta baixo cuberta, destinándoa totalmente ao uso da biblioteca, que incrementará os seus fondos coa incorporación da biblioteca persoal de Eugenio Granell.

Despois de recordar que nun principio se pensara na ubicación da Fundación Granell nun edificio propio en Bonaval, Sánchez Bugallo explicou a satisfacción que ao artista lle producía tela mesma no Pazo de Bendaña, preto da xente. Deste xeito, a ampliación cumpre coa vontade de Granell de ter toda a súa obra en Santiago e, particularmente, en Bendaña.

Lembrou o alcalde que a ampliación non só permitirá albergar a extensa bibilioteca de Granell, senón tamén a mellor almacenaxe da produción do artista, cun fondo dunhas 2.400 obras, das que unicamente se expoñen ao tempo unhas 100.

Intervencións anteriores
O edificio do Pazo de Bendaña ten experimentado distintas intervencións dende a súa construción a finais de século XVIII. Un século despois reestrutúrase o basamento da edificación, cambiando a distribución e tipo de oco cara á rúa do Vilar e a praza do Toural, e permitindo a existencia de tipos distintos ao principal na planta baixa do edificio.

Na década dos anos oitenta, o baixo comercial ocupado polo supermercado Froiz conforma unha estrutura de formigón baixo a proxección da terraza actual, onde se ubica unha entreplanta dedicada á almacén.

Por último, no ano 1998, rehabilítase o baixocuberta, poñendo en uso o espazo para ubicar a biblioteca da Fundación e dotando a esta dun ascensor que facilite o acceso a este novo espazo. Na actualidade, este espazo, dedicado a uso interno e biblioteca, está iluminado mediante fiestras no faldón da cuberta. O uso interno comprende os despachos e áreas de dirección, así como un pequeno almacén e obradoiro de conservación do propio museo.

Acompañaron a Sánchez Bugallo na rolda de prensa, os arquitectos autores do proxecto, Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide, e o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva.

Documentos relacionados



Compartir: