CULTURA

A exposición "Marxes e Mapas", recollida nun catálogo en formato CD

16/03/2009 Presentouse en Raxoi o catálogo da mostra Marxes e Mapas. A creación de xénero en Galiza. Esta exposición estivo abera ao público no Auditorio de Galicia dende outubro de 2008 ata febreiro.

No acto de presentación do catálogo en formato CD, a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, valorou o soporte dixital da edición como "un xeito de familiarizar o público coas novas tecnoloxías e adaptarse a novos formatos cos que os artistas máis novos xa están a experimentar". A edil sinalou que a vontade da Concellaría e do Auditorio de Galicia é editar novos catálogos en formato dixital con maiores posibilidades de interacción, que permitan ir máis alá do tradicional catálogo de arte.

Xosé Lens, comisario da exposición xunto a Chus Domínguez, foi o encargado de describir o contido do catálogo, no que se tentou incluír "todo o proceso de construción da mostra, dende as traxectorias individuais de cada unha das artistas, incluíndo imaxes e textos analíticos das propias autoras ou de críticos de arte, ata o mesmo proceso de elaboración física da exposición".

O catálogo está enriquecido por dúas introducións: unha primeira dos dous comisarios da mostra, que relatan as características, vontades e precedentes de Marxes e Mapas, e unha segunda, artellada expresamente para a exposición pola escritora María do Cebreiro, no que se realiza un percorrido pola literatura galega contemporánea en clave de xénero. En palabras de Xosé Lens, "trátase dun texto amplo, xeneroso e esclarecedor" que achega un importante valor engadido ao volume presentado.

No tocante ao formato do catálogo, Xosé Lens sinalou que, se ben de partida pode semellar menos atractivo que un volume en papel, ofrece a posibilidade de achegar un número de imaxes moito maior e de mellor calidade. O catálogo pódese adquirir xa no Auditorio de Galicia.

Éxito da exposición
Pola súa banda, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, analizou a acollida que obtiveron as mostras Marxes e Mapas, do Auditorio de Galicia, e o ciclo audiovisual asociado á mesma que tivo lugar na Zona "C" entre os meses de novembro e decembro de 2008. A falta de datos definitivos, Paulo Rodríguez adiantou que o número de asistentes a estas dúas mostras riscou os 5.000 espectadores.

Compartir: