COMERCIO

O recinto feiral de Amio acolle o Compostela Outlet

13/03/2009 O sábado, 14 de marzo, ás doce do mediodía, inaugurase oficialmente Compostela Outlet 2009. III Feira de comercio polo miúdo, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Ao acto está previsto que asista o responsable do departamento, Xosé Manuel Iglesias, e os máximos representantes das asociacións de comerciantes da cidade.

Na feira de saldos, que se celebra no Recinto feiral de Amio, o sábado 14 e o domingo 15 de marzo en horario de 10:00 a 21:00 horas, participan 85 estabelecementos comerciais de Santiago. O obxectivo do evento é axudar aos estabelecementos de venda polo miúdo de Santiago a liquidar existencias e, ao mesmo tempo, ofrecer aos consumidores produtos de calidade a prezos reducidos.

A maioría dos 85 estabelecementos participantes, 53 en total, (o 62,35%) son tendas de moda: home-muller, infantil e xuvenil. Tamén hai gran variedade de tendas de deportes, de calzado, lenzarías e peletarías. Outros sectores representados son óptica, artesanía, agasallos decoración, cosmética, xoiaría, complementos xoguetarías, floristarías, informática e comercio xusto. Para facilitar as compras dos asistentes e as transaccións comerciais dos estabelecementos participantes, Caixa Galicia desplazará unha oficina móbil ao recinto feiral durante os dous días que dure o evento. A través desta oficina pódense realizar todo tipo de operacións bancarias: reintegros, ingresos, cambios de moedas, etc.

Ademáis, coa finalidade de facilitar as compras ás familias que asistan á feira de saldos, a organización de Compostela Outlet habilitará un espazo infantil con capacidade para albergar 60 menores ao mesmo tempo, de entre 2 e 12 anos. Dividirase en tres partes: un servizo de gardería para aos máis pequenos, tres talleres infantís que irán rotando, e dous inchables. As nais e pais poderán deixar alí aos seus fillos por espazo de dúas horas.

Tamén se fletarán autobuses gratuítos o sábado e o domingo para facilitar o desplazamento das persoas interesadas en acudir ao evento, enmarcado no programa de dinamización comercial Marzo, mes do comercio, deseñado pola Concellaría de Promoción Economica. Está previsto que os autocares saían ás horas en punto desde a Praza de Galicia, entre as dez da mañá e as oito da tarde. O retorno, dende Amio, faráse entre as dez e media da mañá e as oito e media da tarde.

A entrada costará un euro, igual que en 2007. Os menores de 12 anos entran de balde.

Documentos relacionados



Compartir: