TRANSPORTES

Santiago, elixida para integrar a xunta directiva da Rede de Cidades pola Bicicleta

13/03/2009 O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, participou en Sevilla na asemblea constituínte da Rede de Cidades pola Bicicleta e foi elixido membro da súa Xunta Directiva. A adhesión a esta rede de cidades fora aprobada polo Pleno municipal na súa sesión ordinaria do pasado 26 de febreiro.

Santiago é pois unha das fundadoras desta Rede de Cidades pola Bicicleta. Ademais, o propio Carlos Nieves foi elixido vogal da súa Xunta Directiva. A propósito da súa presenza en Sevilla, o concelleiro resaltou a necesidade de "pór en marcha novas campañas de promoción do servizo e a concienciación para que a convivencia de todos os modelos de mobilidade (condutores, peóns, ciclistas…) sexa posible". Aspira a que "a bicicleta sexa una imaxe común na nosa cidade".

A Rede de Cidades pola Bicicleta pretende xerar unha dinámica entre as cidades españolas co fin de facilitar, facer máis segura e desenvolver a circulación en bicicleta, especialmente no medio urbano. A entidade intensificará a promoción da bicicleta e impulsará iniciativas para que o desprazamento en bicicleta resulte atractivo e seguro. Tamén se fomentará o incremento das infraestruturas para o uso da bicicleta.

Para concretar estes obxectivos, os integrantes da rede acordaron a organización de reunións dos representantes das distintas cidades e de xornadas técnicas específicas en torno ao tema da bicicleta pública. Tamén se coordinarán políticas e presentaranse conxuntamente propostas ante as administracións.

Carlos Nieves participou en Sevilla na constitución desta Rede xunto con outros representantes municipais de cidades españolas como a propia capital andaluza, Barcelona, San Sebastián, Murcia, Córdoba ou Burgos, entre outras. Sevilla acolle tamén, ademais da asemblea, unhas Xornadas da Bicicleta Pública.

A integración na Rede de Cidades pola Bicicleta é a reflexo da aposta decidida do Concello de Santiago por este medio de transporte para o seu uso urbano. Mostra disto é o lanzamento do sistema de alugueiro de bicicletas, que na actualidade conta con sete estacións de préstamo distribuídas pola cidade, funcionando de 8:00 a 22:00 horas en verán, e de 9:00 a 18:00 en inverno.

O Concello aposta tamén pola creación de carrís bici na cidade. O primeiro paso foi o carril bici da rúa Berlín, en Fontiñas, que dará paso a infraestruturas semellantes noutras rúas. Ademais, nos futuros polígonos de vivendas esixirase que a súa urbanización inclúa a creación de carrís bici. Para facer compatible o uso da bicicleta e dos automóbiles naquelas zonas onde non son posibles estes carrís, o Concello estableceu límites de velocidade a fin de establecer itinerarios e zonas de circulación de bicicletas.

Compartir: