ALCALDÍA

O alcalde contempla a ampliación do Palacio de Congresos como unha "solución paliativa" ás necesidades de Santiago

13/03/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que o Concello xa vén contemplando a posibilidade de ampliar o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia con instalacións complementarias no espazo ocupado actualmente polo aparcadoiro anexo. Non obstante, indicou que esta sería unha "solución paliativa" no caso de que non fose posible ampliar o Recinto Feiral de Amio, como sería desexable dende o punto de vista municipal.

Sánchez Bugallo apuntou que a decisión que se adopte respecto ao Palacio de Congresos terá que ser unha "decisión global", posta en relación co futuro do Recinto Feiral de Amio. Neste sentido, anunciou que se retomarán os contactos co novo Goberno da Xunta respecto ao futuro do Mercado Nacional de Gando e aos outros usos que se lle poderían dar ao recinto de Amio.

A ampliación do Palacio de Congresos sería, en opinión de Sánchez Bugallo, unha solución parcial que melloraría os servizos desta instalación, pero que "non solucionaría as necesidades que ten Santiago". Tamén se mostrou favorable a seguir colaborando plenamente co recinto de Silleda, pero tamén lembrou as limitacións que este pode ter á hora de captar determinados tipos de eventos.

Se ben insistiu na necesidade que ten Santiago dun recinto feiral de maiores dimensións, recordou o "escaso" compromiso das anteriores Administracións autonómicas co recinto compostelán. Así se reflicte –apuntou- no feito de non ter achegado financiamento para as instalacións actuais de Amio, feito que "contrasta co esforzo realizado noutros recintos feirais de Galicia".

En calquera caso, subliñou que "non quero anticipar nada" antes de manter conversas coa Xunta respecto a estas cuestións. Sobra a posible ampliación do Palacio de Congresos, manifestou que as obras se realizarían en todo caso despois de 2010.

Compartir: