ALCALDÍA

Sánchez Bugallo reunirase coa presidenta de AENA e co secretario de Estado de Defensa para impulsar as obras da nova Terminal

13/03/2009 Impulsar o inicio das obras da nova terminal aeroportuaria de Lavacolla é o obxectivo das reunións que o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, manterá o luns 16 coa presidenta de AENA, Encarnación Vivancos, e co secretario de Estado de Defensa, Constantino Méndez. Como xa ten indicado noutras ocasións, a prioridade municipal é que se fixe unha data de ocupación dos terreos e comecen as obras.

O alcalde abordará con AENA e Defensa tanto o inicio das obras da terminal de Lavacolla como o resto das obras contempladas no Plan Director, como o estacionamento de aeronaves ou a ampliación da pista. Recordou que todas estas actuacións farán do recinto compostelán "un gran aeroporto dende o punto de vista técnico, e coas mellores condicións de seguridade".

Tamén a propósito do aeroporto, analizou as cifras de viaxeiros feitas pública por AENA do mes de febreiro. Indicou que a terminal compostelá sae bastante mellor parada que outras e lembrou que Santiago "segue concentrando a oferta máis diversificada". Neste sentido, situou á marxe as conexións con Madrid, das que dixo serán as máis afectadas coa chegada do AVE.

Afirma estar "satisfeito de ter mantido a posición nos últimos anos" e confía en que o Ano Santo "mellore de forma significativa as nosas circunstancia". Finalmente, en referencia á situación actual dos aeroportos galegos, indicou que "nós non creamos esta situación e fomos os principais prexudicados pola mesma". Ante isto, engadiu, "todos temos que competir como saibamos e poidamos".

Mercado inmobiliario
Sobre outro asunto da semana, a publicación dun informe sobre os prezos do aluguer de vivendas, concedeu "credibilidade escasa" á información de que a media está nos 600 euros na cidade. "Movémonos en magnitudes máis modestas", comentou o rexedor municipal, para o cal "non se xustifican subas de prezos nunha cidade que ten entre 4.000 e 8.000 pisos desocupados".

Tamén no ámbito inmobiliario, falou da xuntanza mantida cos representantes das empresas subcontratistas da construción. Así, reiterou a súa preocupación pola non chegada dos créditos do ICO e do IGAPE a estas empresas e polo retraso dos pagos dos construtores ás mesmas. Ademais, agarda que se concrete o Plan Renove de Rehabilitación previsto polo Goberno do Estado. O Concello estará preparado para subscribir os oportunos convenios coa Administración central e coa Xunta cando se lle plantexen.

Finalmente, demandou do novo Goberno da Xunta unha "simplificación dos procedementos" derivados da Lei do Solo cara a adaptación das ordenacións urbanísticas municipais á mesma. Neste sentido, recordou que, pasados seis anos da entrada en vigor desta Lei, só 30 dos 315 concellos de Galicia fixeron tal adaptación. Entre eles está Santiago, cuxo PXOM vén de entrar en vigor na súa totalidade tras a súa publicación no BOP.

Compartir: