EMPREGO

Máis da metade das persoas que participan no Proxecto Crear V xa accederon ao mercado laboral

12/03/2009 O 56% das persoas usuarias do Proxecto Crear V accederon ao mercado laboral dende que a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo empezou a desenvolver o programa, o 15 de setembro de 2008. Esta cifra de 42 persoas insertadas, 20 mulleres e 22 homes, é 16 puntos superior aos obxectivos fixados pola Xunta de Galicia ao remate do programa, que son de 26 participantes, o 35% do total.

O obxectivo do Proxecto Crear é facilitar o acceso ao mercado laboral a persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mocidade sen emprego anterior, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. As persoas que participan no programa reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción.

Unha vez concretado o plan persoal de inserción, no que se definen os perfís profesionais dos participantes, desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. En total desenvolvéronse 21 cursos, que suman 373 horas lectivas.

As accións formativas programáronse para que non se sobrepuxeran unhas con outras, polo que un mesmo alumno podía realizar varios cursos nesta fase do programa. Esta distribución propiciou que se rexistrasen 266 inscripcións nas distintas accións formativas. Realizáronse cursos de formación en campos xerais (Informática, Idiomas, Instrumentos e técnicas no proceso de búsqueda de emprego, Habilidades sociais, Educación vial, etc.) e accións formativas orientadas á procura de postos de traballo concretos (Xestión de proxectos, Mantemento básico de edificios, etc).

Neste momento, o Proxecto Crear V está na etapa final, xa que está previsto que remate o 31 de marzo. Nesta etapa, o persoal docente e técnico leva a cabo unha prospección do mercado laboral, que inclúe visitas a empresas e xestión de ofertas de emprego destinadas ás persoas usuarias que aínda non conseguiron insertarse laboralmente. O Crear V conta cun orzamento de 125.647,06 euros, cofinanciados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo.

Compartir: