COMERCIO

Comenzan as actividades de animación na rúa de Marzo, mes do comercio

12/03/2009 O xoves, 13 de marzo, comenzan as actividades de animación na rúa con malabares e zancudos que se desenvolverán no marco do programa de dinamización comercial Marzo, mes do comercio, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Levaranse a cabo dúas representacións, o 13 e o 27 de marzo, entre as cinco e media e as seis e media da tarde na Praza do Toural e na Praza Roxa.

Durante estas accións de animación está previsto repartir máis de 3.000 dípticos informativos explicando o conxunto de actividades programadas. Marzo, mes do comercio ten un dobre obxectivo: dinamizar o sector despois dun intenso período de rebaixas, e darlle o protagonismo que lle corresponde polo seu peso económico e social na cidade, xa que é unha referencia de calidade tanto para os composteláns coma para a potencial clientela da área de Compostela e da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

Con estas dúas actividades de animación na rúa, a Concellaría pretende, dun xeito lúdico, informar a comerciantes e residentes en Compostela as actividades que se van desenvolver no mes de marzo. Ademáis de animación na rúa, no marco de Marzo mes do comercio tamén se van desenvolver:

III Compostela Outlet: a feira de saldos celebraráse o 14 e 15 de marzo no Recinto feiral de Amio, de 10.00 h. a 21.00 h. Ten como obxectivo axudar aos estabelecementos de venda polo miúdo a liquidar existencias, e ao mesmo tempo, ofrecer aos consumidores produtos de calidade a prezos reducidos.

• IV Gala do Comercio Compostela, capital de compras: terá lugar o 31 de marzo no Teatro Principal, ás 21.00 h. A entrada e libre.

• Apertura do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping. Edición Primavera. Os comercios premiados no certamen contarán cunha campaña de promoción publicitaria gratuíta a nivel local. Valórase a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe e da imaxe que transmite tanto o escaparate como o interior do estabelecemento.

• Formación para os comerciantes. Están previstas accións formativas en idiomas, informática e xestión empresarial. Para facilitar a participación do sector comercial a formación en idiomas (inglés) impartirase de xeito persoalizado, adaptándoa ás necesidades do comercio. O resto de accións formativas realizaranse a través da modalidade de teleformación.

Compartir: