REAL FILHARMONÍA

A Real Filharmonía interpretará obras de Glinka, Shostakovich e Chaikovski no seu primeiro concerto da tempada

11/10/2005 Baixo a dirección do mestre titular Antoni Ros Marbà, a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o primeiro concerto de abono da temporada 2005-2006 con obras de Glinka, Shostakovich e Chaikovski.

O xoves 13 de outubro ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do mestre titular Antoni Ros Marbà, inicia a temporada de concertos de abono 2005-2006 interpretando as obras de Glinka, Russlan e Ludmila (Obertura); de Shostakovich, Concerto para piano e trompeta nº 1, op. 35 e de Chaikovski, Sinfonía nº 5 en mi menor, op. 64.

Intervirán como solistas a pianista Rosa Torres Pardo e a trompetista Mireia Farrés.

Rosa Torres-Pardo
Nace en Madrid e realiza estudos musicais no Real Conservatorio Superior de Música desa cidade graduándose con premio estraordinario Fin de Carreira. Colabora regularmente como solista en orquestras españolas e estranxeiras baixo a dirección de mestres como López Cobos, Plácido Domingo, Víctor Pablo Pérez, Ros Marbà, Josep Pons, Max Valdés... Ermler, Dutoit, Fedoseev, Fournet, Marzimiuk, Pommier, Spivakov, Vasary ou Weise.
Actuou no Teatro Real e no Auditorio Nacional de Música de Madrid; no Wigmore Hall de Londres, no Musik Hall de Hamburgo, Koncerthaus de Berlín, Auditorio Nacional de Dublín, na Sala de Columnas de Moscova, no Teatro Colón de Bos Aires, Carnegie Hall, Alice Tully Hall de Nova York; Kennedy Center de Washinton, Hollywood Bowl de Os Angeles, Sala Philarmonie de San Petersburgo... ademais de actuar en Canadá, México, Puerto Rico, Venezuela, Perú, Chile, Uruguay, Arxentina, Brasil, China, Hong-Kong, Corea, Filipinas ou Australia.

Traballou con orquestras como a Filarmónica de Os Angeles, Filarmónica de Hamburgo, Rundfunk-Sinfonieorchester de Berlín, Philarmionia Hungárica, Filarmónica de Montreal, Orquestra da TTV de Moscova, a Nacional Rusa, Virtuosos de Moscova, Sinfónica de Armenia, Simphonian Varsovia, Filarmónica de Bos Aires, Orquestra Minera de México, G. Enesco de Budapest, Philarmónica de San Petersburgo, e todas as Orquestras Sinfónicas de España.

Mireia Farrés
Iniciouse no mundo da música á idade de oito anos. Obtivo o premio de honor de trompeta e música de cámara no Conservatorio de Manresa en 1997, estudando con Joan Arnau. Formou parte da Jove Orquestra Nacional de Catalunya desde 1993 ata 1998.

Como solista, comezou a súa carreira en 1996 actuando na entrega do Premi Ciutat de Manresa en 1996, seguiu coa Orquestra de Cámara de Lleida en distintos festivais de Cataluña, coa Orquesta Ciudad de Granada en marzo de 2003, a Orquestra de Cámara de Vic, a Orquestra Sinfónica de Praga no Festival de Torroella de Montgrí e dentro do marco do Festival Pablo Casals en Prados de Conflent.
No ano 1998 obtivo unha bolsa da Universidade New England Conservatory para unha estadía na cidade de Boston onde finalizou os estudos de Undergraduate Diploma, obtendo a distinción de honra do Departamento de Metais na súa graduación. Recibiu clases de Charles Schlueter (solista da Boston Symphony) e de John McNeil (jazz).

Durante a súa permanencia nos Estados Unidos tocou coa Boston Civic Orchestra, a Gardner Museum Chamber Orchestra con Leon Kirchner de director, a Hingham Orchestra e a Frequency Band. Gañadora do Honors Brass Quintet na Universidade New England, realizou diversas actuacións co ensemble por Boston, Cataluña e unha xira por Atlanta, onde o quinteto actuou de solista co Wind Ensemble d’Atlanta baixo a batuta de Eric Ewazen.

Colaborou coa New World Symphony en Miami e coa Orquestra do Teatro Lliure. Desde outubro de 2001 ata xuño de 2003 ocupou a praza de trompeta solista na Orquesta Ciudad de Granada. Actualmente é profesora de trompeta na Escola Superior de Música de Cataluña, o Conservatorio Superior das Illas Balears e é trompeta solista da Orquestra Sinfónica de Barcelona.

Compartir: