COMERCIO

Oitenta e cinco comercios participarán en Compostela Outlet

11/03/2009 Un total de 85 estabelecementos comerciais acudirá o sábado 14 e o domingo 15 de marzo a Compostela Outlet, que se celebrará no Recinto feiral de Amio, en horario de dez da mañá a nove da noite. A feira de saldos, desenvolvida pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, ten como obxectivo axudar aos estabelecementos de venda polo miúdo de Santiago a liquidar existencias e, ao mesmo tempo, ofrecer aos consumidores produtos de calidade a prezos reducidos.

A maioría de estabelecementos participantes, 53 en total (o 62,35%), son tendas de moda: home-muller, infantil e xuvenil. Tamén hai gran variedade de tendas de deportes, de calzado, lenzarías e peletarías. Outros sectores representados son óptica, artesanía, agasallos decoración, cosmética, xoiaría, complementos xoguetarías, floristarías, informática e comercio xusto. Xa comezaron os traballos de montaxe, que se prolongarán ata o venres 13. Está previsto que os comerciantes comencen a colocar a mercadoría o venres pola tarde. A superficie que ocuparán os stands destes 85 comercios é de 1.100 metros cadrados. Contando os pasillos, a superficie adicada a exposición e venda supera os 3.000 metros cadrados.

A esta superficie hai que engadirlle outros 300 metros cadrados destinados a actividades infantís. Coa finalidade de facilitar as compras ás familias que asistan á feira de saldos, a organización de Compostela Outlet habilitará un espazo infantil con capacidade para albergar 60 menores ao mesmo tempo, de entre 2 e 12 anos. Dividirase en tres partes: un servizo de gardería para os máis pequenos, tres talleres infantís que irán rotando, e dous inchables. As nais e pais poderán deixar alí aos seus fillos por espazo de duas horas.

Ademáis, para facilitar a asistencia á feira de saldos, a organización fletará autobuses gratuitos o sábado e o domingo, entre as dez da mañá e as nove da noite. Está previsto que saían desde a Praza de Galicia ás horas en punto, entre as dez da mañá e as oito da tarde. O retorno desde o Recinto Feiral de Amio será entre as nove e media da mañá e as oito e media da tarde, os dous días.

Compartir: