ALCALDÍA

O Concello resolverá as licenzas de obra menor no prazo máximo dun mes

11/03/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse en Raxoi cun grupo de representantes da Comisión do Sector da Construción e Derivados e co presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey. Tras escoitar as súas demandas para reactivar a economía, comprometeuse a axilizar a resolución de licenzas de obra menor ata un prazo máximo dun mes.

Sánchez Bugallo anunciou que, a partir da proposta que realicen este grupo de representantes, o Concello "habilitará un procedemento simplificado" de solicitude de licenza de obra menor. Este formulario incluirá unha cláusula pola que, se no prazo máximo de 30 días, o Concello non se ten pronunciado, a licenza entenderase concedida.

Nun prazo de tres meses poderían estar listo este novo procedemento, que terá que ser ratificado pola Xunta de Goberno, indicou o alcalde. Non obstante, recordou que no caso das obras no Casco Histórico, o Concello "ten unha marxe menor de acción", xa que as licenzas teñen que se autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, polo que os prazos se fan máis longos.

En canto ás obras maiores, o obxectivo do Concello é que as licenzas sexan informadas, favorable ou negativamente, no prazo máximo de dous meses. Apuntou o alcalde que en 2008 estes prazos se retrasaron un pouco polo volume de licenzas xurdido a raíz da entrada en vigor das Normas do Hábitat. Ademais, lembrou que na maioría dos casos os retrasos teñen que ver con trámites que non son responsabilidade do propio Concello, como a presentación de avales.

Tamén na liña de axilizar a concesión de licenzas, o Concello está a traballar coa FEGAMP nun sistema que permitirá a solicitude de licenzas a través de internet. O alcalde agarda que antes de final de ano poda estar lista unha ordenanza tipo para toda Galicia.

No que vai de ano, o Concello concedeu licenzas para 455 vivendas e a previsión é outorgar entre 1.000 e 1.200 durante 2009. Segundo dixo, o sector da construción acapara uns 6.000 postos de traballo directos.

Plan de renovación para o Ensanche e axilización dos créditos
Na reunión tamén se trataron outras cuestións sobre as que o Concello se compromete a colaborar, se ben escapan da súa competencia. Tal é o caso da proposta feita polos empresarios dun plan de renovación para o Ensanche. Indicou o rexedor municipal que haberá que articular un sistema co novo Goberno da Xunta para facelo posible, xa que as axudas que se reciben do Estado para esta cuestión teñen que chega a través da Comunidade Autónoma. Apuntou que solución podería estar en convenios semellantes aos que xa existen entre as tres Administracións para o Casco Histórico e para as áreas de rehabilitación Integral (ARI).

Tanto Sánchez Bugallo como o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, amosaron tamén a súa preocupación pola non chegada dos créditos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) ás pequenas empresas. Neste sentido, o alcalde manifestou a conveniencia de que o Estado poida articular un mecanismo para que os créditos cheguen directamente ás empresas, xa que agora teñen que pasar a través do sistema bancario.

Os empresarios volverán a reunirse co alcalde no prazo aproximado de 90 días. Neste tempo, estes teñen previsto manifestarlle tamén as súas inquedanzas aos responsables do novo Goberno autonómico.

Compartir: