XUNTA DE GOBERNO

En marcha todos os proxectos incluídos no fondo estatal

10/03/2009 A Xunta de Goberno iniciou a licitación do último dos 33 proxectos incluídos no Fondo Estatal de Inversión Local, de extensión da rede Wimax ás parroquias de Aríns e Figueiras. Ademais adxudicáronse provisionalmente as obras doutros catro proxectos e as direccións facultativas e coordinación de seguridade doutras 12, ademais de iniciar a contratación das direccións facultativas superiores de catro máis.

O expediente aberto servirá para habilitar os equipamentos e infraestruturas necesarias para dotar de acceso a Internet ás parroquias de San Martín de Aríns e Santa María de Figueiras. Para iso empregarase a tecnoloxía Wimax, xa implantada no Casco Histórico. O investimento será de 176.757 euros máis IVE.

As obras adxudicadas definitivamente teñen que ver coas redes de abastecemento e saneamento, e supoñen un investimento total de 461.845 euros. Trátase das obras de substitución das redes de abastecemento do rueiro de Figueiriñas e do conxunto formado polas rúas Pequena, Grabanxa, Queimada e do Ceo; da ampliación da rede de abastecemento no lugar de Barciela, e das obras de saneamento na avenida Rosalía de Castro.

Por outra parte, adxudicáronse os servizos de dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde das obras de reurbanización das rúas Raiola, Xeneral Pardiñas (tramo Montero Ríos-Carreira do Conde), Gómez Ulla, Pérez Constante, Laverde Ruíz, Santiago de Guayaquil, Neira de Mosquera, Londres e avenida de Vilagarcía-García Prieto-Sánchez Freire (nestas últimas dúas unicamente a coordinación de seguridade e saúde). Tamén se inclúen as obras nas beirarrúas en Meixonfrío, Cancelas e Pontepedriña.

Finalmente, iniciouse o expediente de contratación das direccións facultativas superiores das obras das mencionadas rúas Londres e avenida de Vilagarcía-García Prieto-Sánchez Freire, e tamén das obras de ordenación funcional do núcleo de Canteira (San Lázaro) e de reurbanización da rúa Curros Enríquez.

Benestar Social
En Benestar Social, a Xunta de Goberno aprobou a concesión de diversas axudas sociais por un importe total de 29.734 euros. Estas prestacións subvencionan conceptos como a vivenda ou aloxamento, o comedor escolar, a manutención ou os gastos para distintas actividades.

Ademais, adxudicouse o servizo de implementación do proxecto municipal de Educación na Rúa no ámbito de Fontiñas, por un importe de 20.950 euros máis IVE. O Goberno local aprobou tamén un orzamento de 3.883 euros para o desenvolvemento de varias actividades dentro do Programa de Diminución do dano nos meses marzo, abril, maio e xuño. Inclúense actividades como a edición dun boletín semanal de ofertas de emprego, un obradoiro de teatro e o programa de deporte.

Educación
No ámbito educativo, acordouse solicitar unha subvención para o cofinanciamento do Programa de apertura de centros educativos públicos fora do horario lectivo. Demándase unha achega de 107.166 euros.

Urbanismo
Por outra parte, acordouse a cesión de uso por un período de 30 anos á Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) dun local situado na rúa Bernardo Barreiro de Vázquez Varela, que na actualidade a empresa utiliza como as súas oficinas. EMUVISSA realizou un investimento de 400.000 euros nestas oficinas e de aí a petición de cesión, ante a necesidade de amortizar o mesmo. Inicialmente o Concello autorizara o novo uso do local por catro anos.

Urbana Santiago Norte
Por último, cómpre salientar a aprobación das bases para a selección de persoal destinado ao programa Urbana Santiago Norte 2007-2013. Habilitarase para o mesmo un coordinador de actividades e un titulado medio.

Documentos relacionados



Compartir: