TRANSPORTES

Case 196.000 vehículos pasaron polos aparcadoiros municipais en 2009

10/03/2009 Os aparcadoiros xestionados pola Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA), rexistraron o paso de 195.979 vehículos polos mesmos. Tanto os dous estacionamentos de Xoán XXIII e Belvís como a dársena de autobuses de Xoán XXIII experimentaron significativos incrementos no número de usuarios.

O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, e o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, presentaron a memoria de actividades dos aparcadoiros municipais, que deixan un balance considerado como "moi positivo" polo primeiro. En especial, destacan os 129.883 vehículos que utilizaron o aparcadoiro de Xoán XXIII, 1.531 vehículos máis que en 2007.

Neste estacionamento mantívose a tendencia a reducir a influencia do verán no movemento de vehículos no aparcadoiro. En 2008, o peso de xullo e agosto foi dun 25%, mentres que en 2007 fora dun 27% e no 2003 dun 35%. Isto constata que o aparcadoiro xa non ten un caracter exclusivamente turístico, senón que, polos servizos e política tarifaria postos en marcha, estase a converter no aparcadoiro de referencia na zona norte da cidade e, máis en particular, do Casco Histórico.

Entre eses novos servizos, destaca a tarxeta aparcafácil, unha tarxeta moedeiro que permite estacionar no aparcadoiro e que regala 10 minutos por cada hora. Tamén cada vez máis utilizados son o servizo "Se bebes, déixao", polo cal é posible estacionar á metade do prezo en caso de dar positivo, e o servizo gratuíto de Combici para os vehículos de rotación. Ademais, os pais de alumnos dos colexios López Ferreiro e Sar Jorge dispoñen de 30 minutos de aparcadoiro de balde.

Belvís
O estacionamento de Belvís foi empregado por 55.183 vehículos en 2008. Esta cifra supón un incremento de 1.996 vehículos (un 3,75%), respecto ao ano precedente. Tamén neste caso tivo grande influencia a implantación dos novos servizos xa comentados, como a tarxeta aparcafácil e o programa "Se bebes, déixao".

Neste caso, os pais que dispoñen de aparcadoiro gratuíto durante 30 minutos son os dos alumnos dos colexios Compañía de María, San Pelayo e San Francisco Javier.

Dársena de autobuses de Xoán XXIII
Finalmente, pola dársena de autobuses de Xoán XXIII pasaron 10.913 vehículos, 674 máis que en 2007, o que supón unha suba do 6,58%. Destaca o forte incremento rexistrado nos meses de maio e xuño, chegando nestes meses a haber preto de 1.500 autobuses, cifra que se superou en setembro con 1.513 autocares.

Tras os fortes investimentos realizados nos anos 2005-2006 (cambio de maquinaria, instalación de cámaras de video-vixilancia, reparación de danos estruturais) o ano 2008 foi un ano de transición. Nesta campaña as actuacións foron as propias do mantemento das instalacións.

O concelleiro destacou o bo resultado do esforzo para difundir a existencia desta dársena en congresos e xornadas de transporte. TUSSA tamén está a traballar con distintas asociacións de transporte para chegar a acordos puntuais coas mesmas e así fidelizar aos nosos usuarios.

Cómpre lembrar que os usuarios dos aparcadoiros poden solicitar os seus bonos e calquera tipo de información na páxina web de TUSSA, recentemente renovada. Tamén poden empregar o enderezo electrónico tussaaparcadoiros@tussa.org.

Documentos relacionados



Compartir: