BENESTAR SOCIAL

Benestar Social organiza unha xornada para promover unha rede comunitaria que combata a desigualdade social

09/03/2009 Baixo o título "Redes de Iniciativa Social", a Concellería de Benestar Social organiza unha xornada formativa dirixida aos responsables e técnicos das entidades ou servizos que traballan no ámbito da inserción laboral e do voluntariado. Esta sesión didáctica celebrarase durante a mañá do mércores 11 de marzo na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Esta xornada é posible grazas ao equipo do Plan de Inclusión Social da Concellaría e a varias entidades de iniciativa social do Concello. O seu obxectivo é promover unha rede comunitaria de apoio para combater a desigualdade a nivel social, establecendo mecanismos de cooperación entre as entidades implicadas, directa ou indirectamente, na loita contra a pobreza e a exclusión social.

A través desta rede comunitaria preténdese mellorar os servizos ofertados e xerar un innovador sistema de coordinación e desenvolvemento. Trátase tamén de por de manifesto a aposta das entidades que traballan no ámbito do voluntariado pola creación dun espazo común grazas ao cal mellorar a comunicación e o intercambio de información.

A xornada inaugurarase ás 9:30 horas, para logo dar paso ao primeiro relatorio, impartido por un membro da Rede Araña e titulado "A creación de redes de iniciativa social e voluntariado". A continuación, celebrarase unha mesa redonda na que se exporán experiencias de redes de inserción sociolaboral desenvolvidas na actualidade en distintos lugares de España. Entre os relatores estarán a directora da Liña de Ocupación de Barcelona Activa, Lorena Ventura; o director da Fundación CEDAT da Universidade Politécnica de Valencia, Pedro Ramiro Pollo; e o xefe de servizo de Servizos Sociais do Concello da Coruña, Santiago Porta.

Os interesados en participar deben remitir a ficha de inscrición á Concellería de Benestar Social. Xornadas "Rede de Iniciativas Social" a través do correo electrónico ssociais@santiagodecompostela.gal ou do fax 981 542 484.

Compartir: