CULTURA

O Centro Coreográfico Galego presenta en Compostela "Giseliña", no marco do ciclo SCQ Danza

09/03/2009 O Auditorio de Galicia acollerá o martes 10 de marzo, ás 21:00 horas e no marco do ciclo SCQ Danza, a presentación de Giseliña, de Cisco Aznar, representada polo Centro Coreográfico Galego (CCG). Doce bailaríns e bailarinas porán en escena estre traballo, que ten como referencia o ballet Giselle e a tradición popular galega.

O director-xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, e a directora do Centro Coreográfico Galego, Natalia Balseiro, presentaron este espectáculo, que no caso de Santiago chega acompañado de obradoiros de formación e dun concerto didáctico arredor desta peza o mércores 11. Giseliña, terceira produción do CCG logo de Vacuo, de Maruxa Salas, e Kiosko das almas perdidas, de Roberto Oliván, chega da man do creador catalán Cisco Aznar. Este asina unha adaptación libre e poética do ballet clásico Giselle que ao tempo se inspira en figuras da tradición popular galega relacionadas coa morte e o alén, as meigas ou a Santa Compaña.

Cisco Aznar constrúe nesta peza un mundo polo que deambulan as pantasmas do pasado, un mundo cunha estética moi persoal que se apoia nuns movementos cargados de expresividade. Os bailaríns interpretan seres que se moven arredor das grandes paixóns, como son o amor ou a morte. A plasticidade das máscaras a escenografía e o vestiario ideados por Luís Lara, o espazo sonoro -que inclúe as voces de Alicia Alonso e María Callas- ou os vídeos que se integran na montaxe crean unha atmosfera cargada de fantasía, que achega ao espectador ao ámbito do sobrenatural.

Para a súa execución, Giseliña conta cun corpo de baile de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias: Noemi Alberganti, Jorge Brea, Katja J. Geiger, Álvaro Esteban, Alba Fernández, Carmela García, Satoko Kojima, Amparo Novás, Ana Beatriz Pérez, Miguel Ángel Ponte, Julio César Quintanilla, Hannah Shakti e Jordi Vilaseca.

O director
Cisco Aznar é na actualidade o director artístico da compañía suíza Buissonnière. Nado en Cataluña, ao rematar os seus estudos na Escola de Arte Dramática e Coreográfica de Barcelona representa a España no Taller Coreográfico Europeo en Luxemburgo e no ano 1992 recibe unha bolsa de estudos para realizar o Taller de Maurice Béjart.

Dende 1993 traballa como bailarín e coreógrafo en Europa e América Latina, colaborando, entre outros, con compañías e profesionais como o Teatro do Liceo en Barcelona, Julio Bocca e Anna Maria Stekelmann en Bos Aires, o Grupo Vórtice en Brasil ou a compañía Nomades, Paco Decina, Redha e Philippe Lizon en Suíza. En 1998 asume a dirección artística da compañía de Lausanne Buissonnière, en Suíza.

Entre as súas creacións cómpre destacar a versión de Coppélia que realizou en 2006 para o Ballet du Grand Théàtre de Genève. En 1998 obtivo o Premio ao Mellor Espectáculo no Festival de Danse do Triángulo Mineiro (Brasil) por Adán e Pepa, en 2003 foi galardoado co Premio Jeunes Créateurs pour la Danse da Fondation Vaudoise e en 2007 obtivo o contrato de confianza de Lausanne, no Estado de Vaud e Pro Helvetia, para formar parte do equipo do Project Danse.

Compartir: