CULTURA

O Ciclo de Cine Galego do Teatro Principal proxectará 15 filmes contemporáneos feitos en Galicia

06/03/2009 Presentouse o Ciclo de Cine Galego que se celebrará no Teatro Principal do 9 ao 13 de marzo. Inclúe a proxección de 15 filmes entre curtas e longametraxes.

O Ciclo, copatrocinado pola Deputación da Coruña, pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, quen destacou o excelente sinal que supón para o noso audiovisual a celebración dun ciclo destas características, pois indica que "dispoñemos dunha filmografía ampla que vai aumentando ano a ano en cantidade e calidade".

A edil lembrou que a celebración do evento inclúese dentro da política da Concellaría de ofertar obras cinematográficas que habitualmente fican fóra dos circuítos comerciais e teñen dificultades para chegar ao amplo público potencial da cidade. Ademais, o Departamento estase a dotar da infraestrutura necesaria para ofrecer unha programación estable durante todo o ano, alén dos eventos consolidados dos meses de outono.

O Ciclo de Cine Galego componse dun total de 15 filmes, entre curtas e longametraxes, nos que atopan pezas documentais e de ficción comprometidas coa nosa historia recente, máis tamén coa realidade que estamos a vivir. A primeira das obra proxectadas vai ser Liste, pronunciado Líster, da profesora e cineasta Margarita Ledo, dedicada á figura de Enrique Líster, célebre xeneral republicano, nado en Amenteiro, no concello de Teo.

Outra longametraxe destacada do ciclo vai ser A mariñeira, de Antón Dobao, filme de ficción ambientado en anos da República que ten como protagonista a unha parella, María e Pandullo, que xunto coa súa filla Rosa viven na aldea mariñeira de Quilmas e son sorprendidos polo levantamento militar franquista.

Memoria histórica e conflitos do presente
Tamén na República están ambientadas a maioría das creacións de Jairo Iglesias, mozo cineasta compostelán ao que se lle vai dedicar unha sesión na que se proxectarán case todos os seus filmes. Pezas como Ribadeo 1936, Campás e Cores teñen como pano de fondo a Guerra Civil e as súas dramáticas consecuencias.

Mais o Ciclo de Cine Galego non se esquece da realidade presente. Así, en Fronteiras e A terceira póla, Rubén Pardiñas achégase á realidade sociolingüística do galego alén das nosas fronteiras, filmado os seus documentais na zona do Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas e os tres concellos galegofalantes de Estremadura.

Na sesión restante proxectaranse catro creacións de cineastas novos que ofrecen unha visión crítica do noso tempo e lugar. Son os casos de Economía de mercado; Esta noite, velada, sobre o teatro amador; Caracolas, arredor das relacións interxeracionais; e Alternativa cero, arredor da defensa do medio natural.

Compartir: