DEPORTES

O Concello pon en marcha unha campaña formativa sobre o deporte

06/03/2009 Os meses de marzo, abril e maio desenvolveranse a campaña INformación e Deporte. Trátase de tres accións formativas do Concello sobre o mundo da actividade física e o deporte. A inscrición é de balde.

O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, presentou esta campaña, que pretende favorecer a consolidación do tecido asociativo local no eido do deporte. Con este fin, ponse a disposición de todos os responsables e directivos de clubs e asociacións da cidade unha serie de accións formativas, para adquirir novos coñecementos e ferramentas axeitadas para o seu traballo.

As tres sesións formativas permitirán coñecer o marco normativo que engloba as actuacións deportivas na actualidade, intercambiar coñecementos e experiencias que fomenten o asociacionismo deportivo local e informar sobre novas metodoloxías de traballo coa intención de garantir unha correcta progresión do deporte base.

A primeira sesión titularase "Aspectos fiscais das entidades Deportivas" e terá lugar o 14 de marzo. O relator será Juan Ramón Beorlegui Ibars, subdirector xeral do Consello Superior de Deportes entre 1988 e 2007, e membro do Comité organizador dos Xogos Olímpicos de Barcelona 92.

O sábado 18 de abril a sesión terá como título "O Protocolo deportivo". Encargarase da mesma Carmen Ruíz Hervías, técnica en Protocolo Deportivo e xefa de protocolo na organización de varios campionatos mundiais.

Finalmente, o sábado 30 de maio, a temática será "Metodoloxías didácticas no deporte base", cuestións das que falará Luis Casais Martínez, doutor en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, e profesor titular da Universidade de Vigo, con varias publicacións sobre o adestramento en categorías inferiores. Todas as sesións desenvolveranse en horario de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.

Inscricións de balde
Os encontros celebraranse na Casa das Asociacións de Veciños (antiga estación do ferrocarril de Cornes). Os clubs deportivos inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións teñen reservada unha praza para cada acción formativa, que deberán de confirmar con cinco días de antelación á celebración da mesma. En calquera caso, poden participar outros interesados e tamén de balde. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de solicitude.

As follas de inscrición están á disposición dos interesados nas instalacións deportivas municipais e nesta páxina web. Deberán ser remitidas por correo electrónico (dptodeportes@santiagodecompostela.gal) ou por fax (981 528 737). Máis información no teléfono 981 528 730, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Acompañou ao concelleiro na rolda de prensa de presentación da campaña o presidente do Colexio Oficial de Licenciados de Educación Física e Ciencias da Actividade Física e o Deporte de Galicia, Vicente Gambau i Pinasa.

Compartir: