TURISMO

As pernoctacións en Santiago suben un 2,49% en xaneiro malia a crise do sector turístico

05/03/2009 O número de pernoctacións en Santiago no mes de xaneiro foi de 58.602, o que supón unha subida do 2,49% respecto das 57.178 do mesmo mes do ano 2008, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Estes datos prodúcense nun entorno de crise económica internacional que tamén está a afectar ao sector turístico.

No conxunto de España, as pernoctacións reducíronse no mesmo período un 12% e en Galicia un 13,98%. Estes datos danse respecto do mes de xaneiro do 2008, cando a crise era aínda incipiente e Santiago medrara un 13,23% respecto de xaneiro de 2007.

Santiago é o destino cos mellores datos tanto das Cidades Patrimonio como das cidades da España Verde que teñen características semellantes á nosa cidade. As outras tres cidades que crecen destes grupos son Santander, un 1,31%; Cáceres, un 1,08%; e Segovia, un 0,07%. Pola contra, Vitoria baixa un 15,65%, San Sebastián un 14,01%, Xixón un 3,88%, Oviedo un 12,27%, Bilbao un 6,31%, Ávila, un 9,15%, Córdoba un 16,41%, Cuenca un 24,23%, Salamanca un 0,34% e Toledo un 4,35%. En Galicia, A Coruña baixa un 21,79%, Vigo un 29,91% e Lugo un 26,13%.

O crecemento en Santiago do mes de xaneiro apoiouse na subida no turismo doméstico, que pasou das 45.772 pernoctacións do ano 2008 ás 48.423 de 2009. Pola contra, as pernoctacións de turismo internacional pasaron de 11.406 de 2008 ás 10.179 deste ano. Nos últimos dous anos estase dando un crecemento importante no número de pernoctacións domésticas no mes de xaneiro. A porcentaxe de crecemento foi do 25,19% respecto do mes de xaneiro do 2007, cando houbo 38.680 pernoctacións estatais.

Consolidación como destino de calidade
Dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo considérase que estes datos do INE confirman a consolidación de Santiago como un destino turístico de calidade, que pode e sabe competir nos momentos de crise económica. A mediados de 2008, cando a crise comezou a tomar forma e os datos indicaban unha situación difícil para o sector turístico a nivel global, Turismo de Santiago reorientou as súas estratexias para poder adaptar a oferta turística da cidade ao novo escenario, caracterizado por viaxes máis próximas no espazo e curtas no tempo.

Turismo de Santiago deseñou a campaña de desestacionalización máis ambiciosa que se ten feito na cidade, duplicando o seu orzamento e contando coa participación de seis touroperadores na comercialización da oferta turística da cidade: Transhotel, Soltour, Viagal, Hotelbeds, Atrápalo e Costas Galicia, ademais da participación de Compostur, o propio touroperador de Turismo de Santiago. A campaña de desestacionalización Santiago Repetirás estase a desenvolver entre o mes de novembro do 2008 e marzo do 2009.

Turismo de Santiago asinou tamén a finais do ano 2008 un convenio de colaboración con Viajes El Corte Ingles, a empresa líder no sector das axencias de viaxes do Estado, co fin de potenciar a oferta turística de Santiago de Compostela e a súa difusión e comercialización a través de produtos concretos operados e distribuídos por Viajes El Corte Inglés na Península Ibérica. O convenio, que estará en vigor ata o 30 de novembro de 2009, conta cun plan de marketing de 300.000 euros cofinanciados ao 50%. O Plan de Marketing inclúe tres campañas de publicidade en prensa, radio e Internet dirixidas aos públicos español e portugués. As dúas primeiras campañas fixéronse en decembro do 2008 e xaneiro do 2009. A terceira campaña desenvolverase en setembro do 2009.

Fomento do turismo doméstico
Turismo de Santiago considera que a subida de Santiago dun 2,49% no mes de xaneiro, fronte a baixada de España dun 12%, avala o reenfoque na estratexia que se levou a cabo no segundo semestre do ano pasado e responden en boa medida á aposta polo fomento do turismo doméstico ampliando as canles de comercialización da oferta turística da cidade. Tamén dan conta dos niveis de calidade que a hostalería da cidade ofreceu nos últimos anos e segue a manter neste período de dificultades económicas.

Con todo, Turismo de Santiago é consciente de que a situación económica seguirá sendo difícil a curto e medio prazo e, neste contexto, o sector turístico global continuará pasando momentos complexos. Pese aos datos positivos do mes de xaneiro, dende Turismo de Santiago considerase que os vindeiros meses continuarán sendo difíciles para o sector turístico da cidade. Por iso, dende a empresa municipal continuarase traballando na mesma liña, reorientando os seus esforzos cara a comercialización no ámbito doméstico, sen esquecer aqueles mercados internacionais máis importantes para a cidade.

Compartir: