URBANISMO

Comezan en Romanía os traballos da segunda fase do proxecto SUITE, liderado por Santiago

04/03/2009 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, presidiu a inauguración oficial en Iasi (Romanía), do lanzamento do proxecto europeo SUITE de análise e estudo da situación da vivenda social en Europa. Compostela lidera este programa europeo enmarcado no URBACT II no que colaboran dez cidades e importantes entidades europeas.

Na inauguración, Mercedes Rosón estivo acompañada polo alcalde anfitrión, Gheorghe Nichita, e por Jean-Loup Drubigny, director do Programa Europeo URBACT, que colabora no cofinanciamento deste proxecto xunto ás demais cidades que forman a rede: en UK Newcastle e Medway; en Alemania, Hamburgo; Iasi en Rumania, Cracovia e Siemianowice Slaskie en Polonia; as francesas Nantes e Rennes e a capital de Estonia, Tallinn.

Nesta primeira reunión oficial do proxecto participaron as dez cidades socias, outras cidades como Albacete e Bacau como observadoras, a Secretaría do Programa URBACT que ten á súa sede en Francia, o responsable de fondos europeos de Romanía, o Sr. Jitaru, un responsable da Axencia de Protección Ambiental Rexional que é o coordinador dun programa de irmandamento europeo no que participa Sogama. Tamén participaron no encontro dous arquitectos que colaboran como expertos asociados ao proxecto, a arquitecta vienesa Heidrun Feigelfeld e o arquitecto italiano Paolo Motta.

Durante a sesión do mércores 4, ademais da presentación que fixo Heidrun Feigelfeld, do estudo de base que serve de punto de inicio para as actividades a desenvolver durante a segunda fase, presentáronse o esquema de traballo e a metodoloxía a aplicar polos tres grupos temáticos que se crean para traballar no marco do proxecto. Un deles está centrado na mestura social nas cidades; outro na aplicación de medidas ambientais e de eficiencia enerxética; e o ultimo máis centrado nos temas de financiamento, todos eles vinculados ás políticas de vivenda social nas cidades europeas.

Compartir: