EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

Inmigrantes e emigrantes retornados poderán beneficiarse de axudas escolares

11/10/2005 A concellería de Emigración e Inmigración pón en marcha un programa de axudas escolares específico para inmigrantes e emigrantes retornados con fillos empadroados, escolarizados e con enderezo en Santiago, que cursen estudos de educación infantil, ensinanza primaria e ESO. O prazo para solicitalas comeza o 17 e remata o 31 de outubro.

A concelleira de Emigración e Inmigración presentou un Programa de Axudas Escolares dirixido a inmigrantes e emigrantes retornados con fillos en idade escolar con poucos recursos económicos, e que estean empadroados en Santiago sen nacionalidade española.

As axudas están destinadas á compra de libros, agás na ensinanza primaria e no 2º curso da ESO, material escolar e outros gastos derivados da escolarización, como a roupa para os pequenos de educación infantil, educación primaria ou educación secundaria obligatoria (ESO). As cantidades que se destinarán por alumno son de 40 euros para o alumnado de Educación INfantil, 20 euros para o de Ensinanza Primaria, 90 para os de 1º, 3º e 4º da ESO e 30 para o de 2º da ESO. As axudas por familia non poderán superar o límite máximo de 180 euros.

A xunta de goberno local aprobou o pasado 12 de setembro un orzamento de 10.000 euros destinado a estas axudas, e un orzamento de 2.000 para a súa divulgación.

O impreso de solicitude para solicitar as axudas pódese recoller nos centros escolares, departamentos de Emigración-Inmigración, Centros Socioculturais, Servizos Sociais, Oficina de Atención a Inmigrantes e a Emigrantes Retornados da Mancomunidade. O prazo é do 17 ao 31 de outubro. Unha vez resolta a concesión das axudas expoñeranse no taboleiro de anuncios do Concello, e abrirase un prazo de 10 días naturais para a presentación de reclamacións polos interesados.

Compartir: