CONSORCIO

O Festival de Músicas Contemplativas trae a Santiago unha escolma do mellor dos sons espirituais do mundo

04/03/2009 Santiago de Compostela acollerá durante a Semana Santa a cuarta edición do Festival de Músicas Contemplativas, considerado xa como un dos principais programas de músicas espirituais que se desenvolven en España. Celebrarase do 7 ao 11 de abril nas igrexas e claustros da cidade. O concertos son gratuítos ata completar o aforo.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou o programa, do que destacou a súa "multiculturalidade" e o feito de que "de cabida a outras tradicións relixiosas á marxe da católica". Na súa opinión, "isto diferénciao doutros festivais de música relixiosa en España". Resaltou de novo a diversidade e calidade deste Festival, que nesta edición incorpora a música hindú e volve a amosar músicas musulmás, ademais de ofrecer unha extensa mostra de músicas de tradición cristiá.

O programa, explicado polo xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, consta de 11 concertos ao longo de cinco días. Oito inscríbense na tradición cristiá e os outros tres representan ás músicas iraquí-persa, sufí e hindú. Destacou pola súa singularidade o concerto que o xoves 9 de abril traerá á igrexa de San Martiño Pinario aos franceses Le Baroque Nomade, que xunto ao Coro da Catedral de Santiago interpretarán a música dos misioneiros xesuítas, unha peculiar mestura do barroco cos sons chineses.

Diversidade cultural nun marco patrimonial
En síntese, a de 2009 é unha selección representativa dun amplo abano de músicas e agrupacións das culturas do mundo de contido íntimo e espiritual. Unha escolma de sons diversos procedentes de países como Italia, Iraq, Alxeria, Francia, Austria, Líbano, India, Brasil, Arxentina ou Alemaña, na procura de fortalecer o diálogo intercultural.

Tomando como marco escénico as igrexas e claustros de Santiago de Compostela, moitos deles grandes descoñecidos tanto para os veciños como para os visitantes, unha selección de diferentes estilos musicais instálase durante uns días na cidade dando forma a un percorrido no que se inclúen as mencionadas obras mestras de tradición persa e árabe ou dos xesuítas en China, así como unha escolma de cantos gregorianos, siríacos en arameo, carnáticos e sacros de tradición corsa. A todo isto únese e un amplo abano da música relixiosa occidental.

O variado programa de concertos de 2009 terá como escenario a igrexa e o claustro de San Francisco, o convento do Carme, a Capela Real do Hostal dos Reis Católicos e as igrexas de San Martiño Pinario, San Frutuoso, Santa Clara, San Agustín e Ánimas. Algúns destes escenarios incorpóranse por primeira vez ao Festival.

Trátase pois dun programa que mantén unha relación de equilibrio e posta en valor do patrimonio cultural tanxible e intanxible, así como a estreita relación entre o espiritual e o profano. En definitiva, unha programación entendida como un diálogo musical aberto que integra, pola vía do diálogo artístico-espiritual, a diversidade dun mundo no que a música volve a ser ponte de culturas e civilizacións.

Documentos relacionados



Compartir: