CENTROS SOCIOCULTURAIS

O programa de viaxes da Rede de Centros Socioculturais ofrece 20 saídas pola xeografía galega e peninsular

04/03/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou o programa de viaxes e excursións da Rede Municipal de Centros Socioculturais para 2009, que inclúe un total de 20 saídas pola xeografía galega e outras áreas peninsulares.

Segundo afirmou a edil, o programa de excursións pretende, por un lado, afianzar o funcionamento en rede dos Centros Socioculturais de Compostela e, ao tempo, promocionar a riqueza cultural, natural e paisaxística do noso país. As viaxes van dirixidas a todos os públicos e incluirán actividades aptas para todas as idades.

O programa de 2009 inclúe 20 saídas, das que 14 son dun só día, e 6 de varias xornadas, situándose nas estacións de outono e inverno as viaxes ao interior e na primavera e o verán as saídas á costa. A maioría das excursións van estar dedicadas a unha temática específica que condicionará as visitas e actividades a realizar. Así haberá unha xornada nomeada A pegada dos antepasados, na que se visitarán mámoas, dolmens e outros monumentos megalíticos; a Ruta literaria, coa visita ás casas e museos de Rosalía, Cabanillas e Valle-Inclán; ou a Ruta Faros, nos que nos achegaremos a algúns dos faros máis emblemáticos da nosa costa.

Ademais, realizaranse 6 visitas de varios días, centradas en distintas áreas peninsulares de elevado interese cultural e natural, como os Picos de Europa, a costa astur-cántabra, o Portugal monumental, a Castela de Dulcinea ou o Madrid monumental.

1.500 inscricións en 2008
O programa de viaxes e excursións repítese un ano máis tras a grande acollida que tivo en 2008, no que se apuntaron un total de 1.500 persoas. Neste 2009 o prezo das excursións dun día é de 10 euros para os asociados á Rede de Centros Socioculturais e de 15 euros para os demais. No caso das excursións de varias xornadas o custe oscilará entre os 130 e os 140 euros.

Para inscribirse, obter máis información ou asociarse á Rede de Centros Socioculturais abonda con dirixirse a un dos seis centros de cabeceira: Vite, Conxo, Fontiñas, Ensanche, Castiñeiriño e Conxo. As inscricións faranse con 15 días de antelación nas viaxes dun día e un mes nas de varias xornadas.

Compartir: