TURISMO

Arrinca marzo cunha cata de viños da D.O. Monterrei e queixo do Cebreiro en "Santiago Repetirás"

03/03/2009 O sábado 7 de marzo, no Parador Hostal dos Reis Católicos, arrincan as actividades deste mes do programa Santiago Repetirás, organizado por Turismo de Santiago, cunha cata con maridaxe de produtos galegos e un taller gastronómico infantil.

Os participantes na cata, guiada por un sumiller e un experto en queixos, poderán aprender sobre as particularidades dos viños da D.O. Monterrei e a súa combinación co queixo da D.O. O Cebreiro. Este queixo fresco de pasta branca, branda e granulosa, elaborado con leite de vaca, caracterízase pola súa forma de fungo. A actividade, que xa ten as 40 prazas cubertas, dará comezo ás 18 horas e ten un prezo de 5 euros.

No mesmo lugar os rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos poden iniciarse na gastronomía cociñando tosta de queixo e espeto de froitas nun novo taller gastronómico infantil. Os máis cativos aprenden cociñando, guiados por tres monitores especializados, a importancia de manter hábitos de alimentación saudable. A actividade ten un prezo de 5 euros e hai 30 prazas dispoñibles.

O programa Santiago Repetirás responde a unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, co obxectivo de converter a enogastronomía galega nun dos atractivos da cidade. Visitantes e veciños de Compostela poden participar en calquera das actividades previa reserva de praza en www.santiagorepetiras.com ou no teléfono 902 190 160.

Ademais, 35 estabelecementos composteláns adheridos ao programa ofertan menús e tapas da cociña de inverno, preparados con produtos típicos desta estación, prestando atención especial á cociña de culler coma cocidos, caldos, potaxes... Na oficina de Turismo de Santiago ou nos propios bares e restaurantes pódese solicitar unha Guía Gastronómica cunha relación dos participantes e a súa oferta culinaria.

Compartir: