CULTURA

Música, danza e teatro no programa cultural do mes de marzo en Compostela

03/03/2009 Presentouse en Raxoi o programa cultural do mes de marzo en Compostela, no que as artes escénicas e a música terán un papel protagonista. O concerto da israelí Keren Ann ou a representación de Emma, de Teatro Arriaga, son algunhas das propostas destacadas.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, foi a encargada de debullar a programación do mes de marzo. A edil lembrou a continuidade do Programa de Abono da Real Filharmonía de Galicia, que neste mes achegará ao Auditorio de Galicia ao pianista Françoise-Joel Thiollier, ao director Maximiano Valdés e á Orquestra Sinfónica de Galicia.

Dentro da oferta musical destacan tamén os concertos da Banda Municipal de Música todos os domingos no Teatro Principal e o segundo concerto do ciclo Sons da Diversidade, que achegará a Compostela á cantante israelí Keren Ann.

As artes escénicas, pola súa banda, protagonizan boa parte das novidades culturais do mes. Para comezar, a compañía de títeres Os monicreques de Kukas celebra o seu 30 aniversario coa representación de dúas das súas creacións máis importantes, Un agasallo para Xaquín e Sete contos capitais. Ademais, do 23 ao 26 de marzo terá lugar o XV Festival de Teatro Universitario no Teatro Principal.

Un dos eventos de maior relevancia terá lugar o 10 de marzo coa estrea de Giseliña, unha creación do Centro Coreográfico Galego baixo a dirección de Cisco Aznar, que se inclúe na programación do ciclo SCQ Danza. Outro espectáculo chamado a concitar a atención do público é a obra de Teatro Arriaga Emma, que abre a edición de 2009 de Teatro e Danza en Xira.

Cinema, obradoiros e artes plásticas
No eido cinematográfico continúa o ciclo Cinemas Dixitais, da Axencia Audiovisual Galicia, que leva documentais e curtametraxes aos centros socioculturais da cidade. Ao tempo, do 9 ao 13 de marzo terá lugar, no Teatro Principal, un ciclo de cinema galego. Este mesmo escenario vivirá a estrea de dúas curtametraxes galegas: Por nada, de Dani de la Torre, e Pode ser, de Carlos Seijo.

Ademais, continúan os obradoiros e cursos na rede de centros socioculturais. Neste apartado destacan os cursos de graffiti, beat-box e hip-hop do CSC do Castiñeiriño, o programa de charlas Quérote ou as actividades para os máis pequenos dentro da Hora do contaconto.

Por último, seguen abertas tres importantes exposicións artísticas na cidade. No Auditorio de Galicia pódese visitar a mostra antolóxica dedicada ao pintor de Vimianzo Antón Mouzo, mentres que na Zona "C" se atopa 1:10, de Sara Fuentes. Ademais, o Museo do Pobo Galego acolle a mostra fotográfica de Fuco Reyes Retratos de auga.

Documentos relacionados



Compartir: