XUVENTUDE

O Ciclo Importa trae a Millencolin por primeira vez a Galicia

03/03/2009 O venres 17 de abril, ás 22:30 horas, na Sala Capitol, actuará por primeira vez en Galicia o mítico grupo sueco Millencolin. Será da man do Ciclo Importa, organizado pola Concellería de Xuventude e Sweet Nocturna.

Millencolin é un dos grupos máis queridos e respectados do hardcore melódico. Dende Suecia levan anos facturando grandes clásicos e aumentando a súa lista de seguidores a base de percorrer medio mundo.

Nikola Sarcevic (baixista e vocalista) xunto con Mathias Färm e Erik Ohlsson (guitarristas), formaron a banda en 1992, para que en 93 se lles unira Fredrik Larzon (batería). O nome, un derivado do truco de skate Melancholy. A súa intención, tocar temas dos grupos que escoitaban e que máis lles influíron (Operation Ivy, Nofx, Pennywise, Circle Jerks, Misfits).

Cun directo frenético e contundente, levan anos compartindo escenario nos principais festivais con grandes nomes como Bad Religión, Metallica, Red Hot Chili Peppers, System of a Down ou Rage against the machine, entre outros. En 2008 publicaron o seu oitavo disco de estudio, Machine 15, co que volven a embarcar nunha xira mundial que os traerá a Santiago para participar no Ciclo Importa.

As entradas para este concerto xa están á venda a un prezo de 20 euros en anticipada a través de www.servinova.com (902 504 500) e nas tendas: Elepé (Vigo), Discos Noni’s (A Coruña) e Gong e A Reixa Tenda (Santiago).

Compartir: