CONSORCIO

O Consorcio recibe cinco solicitudes de rehabilitación para o Programa de Edificios Tutelados

02/03/2009 O interese espertado pola convocatoria da nova edición do programa de Edificios Tutelados, que rematou o pasado 27 de febreiro, veuse referendado tras a petición de rehabilitación de cinco inmobles do casco histórico compostelán. Trátase dun programa de rehabilitación no que os propietarios ceden o uso dos inmobles para aluguer durante un número limitado de anos co obxecto de compensar o custo da rehabilitación. Ao final dese prazo, os propietarios recuperarán a propiedade libre de cargas.

O financiamento das obras do Programa de Edificios Tutelados corresponde ao Consorcio, que achega un 60% do custo a fondo perdido, e a Emuvissa, que achega o 40% restante, amortizable co aluguer dos pisos. Este aluguer estará nun nivel semellante ao das vivendas protexidas con prezos moi inferiores aos que establece o mercado libre. O Consorcio dispón dunha partida de 500.000 euros para acometer as obras desta convocatoria.

Nestes momentos, o Consorcio xa ten en curso a obra de rehabilitación dun edifico na Rúa do Medio, acollido á primeira convocatoria deste programa, que permitirá, antes de que acabe o ano 2009, poñer no mercado de aluguer as primeiras tres vivendas a prezo taxado durante 17 anos.

O obxectivo é promover a relación entre as axudas públicas para a rehabilitación e a política de aluguer de vivendas na cidade histórica, fomentando o aluguer a baixo custo e a recuperación de inmobles ruinosos ou desocupados.

Compartir: