XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local inicia a licitación doutras seis obras de reurbanización e de adecuación do Camiño

27/02/2009 Nunha Xunta de Goberno extraordinaria, o Goberno local abriu o proceso de licitación doutras seis obras financiadas polo Fondo Estatal de Inversión Local. Unicamente quedan dúas obras do 33 previstas para o devandito fondo por aprobar, que irán á Xunta de Goberno do martes 3 de marzo.

Das obras aprobadas, tres son de reurbanización. En concreto, o maior investimento irá para a reurbanización do espazo público da rúa do Olvido e do seu contorno, cun custo de 862.069 euros máis IVE. Tamén se reformará a rúa Belvís (518.521 euros) e a rúa da Trinidade no seu segundo tramo, no ámbito do Pazo de Raxoi e da igrexa de San Fructuoso (629.685 euros).

No outro grupo de obras, dúas afectan ao Camiño Francés. Trátase da rehabilitación e sinalización deste itinerario no tramo dentro do Concello e da integración paisaxística do contorno deste Camiño na N-634. O investimento previsto nestas dúas obras é, respectivamente de 239.350 e 310.590 euros máis IVE. Tamén se rehabilitará e sinalizará o Camiño a Fisterra no tramo compostelán (312.137 euros).

Sobre estes proxectos falou tamén o alcalde na súa rolda de prensa semanal, felicitándose pola rapidez na tramitación á vista do prazo reducido imposto polo Ministerio de Administracións Públicas (MAP). Indicou que as 33 obras estarán en marcha no mes de maio, co propósito de cumprir co prazo legal de finalización antes do 31 de decembro. "Se algunha obra non se rematara, podería solicitarse unha prórroga ata o 31 de marzo, pero se iso sucedese, sería algo excepcional e non imputable á tramitación da Administración municipal", indicou Sánchez Bugallo.

Documentos relacionados



Compartir: