CULTURA

A Zona "C" expón as fotografías de Sara Fuentes

23/02/2009 O mércores 25, ás 20:00 horas, inaugúrase na Zona "C", a exposición 1:10, de Sara Fuentes Cid. A mostra aglutina 14 fotografías de pequeno tamaño en forma de caixas que representan detalles recollidos da arquitectura do espazo expositivo contiguo, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

As imaxes que se mostran en 1:10 teñen a pretensión de idear un lugar físico, un espazo real que nos dirixa a outro mental infestado de referencias á nosa arquitectura. O pequeno tamaño das imaxes que conforman a mostra é o que permite establecer con elas unha relación de proximidade, de posesión, transformando o sentido da distancia, conducindo ao espectador a unha proximidade psíquica, a unha intimidade extrema coa obra.

O acto de inauguración contará coa presenza da concelleira de Cultura, Socorro García Conde, do director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, e da artista Sara Fuentes Cid.

A mostra, organizada pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, coa xestión do Auditorio de Galicia, permanecerá aberta ata o 19 de abril de 2009. Poderá visitarse todos os días, excepto o luns, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A Zona "C" está situada na rúa San Domingos de Bonaval, 1.

Compartir: