EMPREGO

Sesenta desempregados comezan a formarse como coidadores grazas ao Persoa IV

20/02/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, inaugurou o Proxecto Persoa IV no local formativo que a Concellaría ten na rúa Pérez Constanti, 4. Este programa experimental de emprego promoverá a integración laboral de 120 desempregados formándoos como coidadores.

O Persoa IV focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, enfermas ou discapacitadas, e de nenos. Así, ademais de traballar a inserción laboral, fórmase aos alumnos nun sector considerado como novo xacemento de emprego. En concreto, afróntase a cobertura de funcións ata agora asumidas polas familias, sobre todo polas mulleres, como é o coidado de persoas dependentes.

As 60 persoas que participan na primeira quenda, 41 mulleres e 19 homes, formaranse en catro especialidades, de 15 alumnas/os cada unha, nas que primará a práctica laboral: Especialista no coidado e atención a persoas maiores e discapacitadas, Dirección e xestión de centros e servizos de atención a maiores, Especialistas en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos e Reparación, mantemento e adaptación de edificios e vivendas para maiores e dependentes.

Na segunda fase, de outubro de 2009 a setembro do 2010, participarán outras 60 persoas. Neste caso formaranse en Atención temperá e estimulación precoz, Auxiliar de axuda a domicilio, Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio e Especialista en asistencia persoal.

O Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros e está dirixido a persoas desempregadas, sobre todo persoas menores de 30 anos e maiores de 45, desempregadas/os de longa duración e mulleres que abandonaron o mercado laboral e queren reinsertarse. As persoas participantes recibirán unha beca de asistencia de 325 euros ao mes durante o período de formación teórica e práctica en empresa.

No Proxecto Persoa III accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración, 103 das 105 persoas participantes. No Persoa II, no que participaran 80 persoas, insertáranse laboralmente 55.

Compartir: