TRANSPORTES

O Concello inviste un millón de euros en case 14.000 bonos gratuítos para o transporte urbano

20/02/2009 A rede de transporte urbano foi utilizada por 7.837.346 viaxeiros en 2008, o que supón un incremento de 115.445 usuarios con respecto a 2007. Estas cifras supoñen un asentamento da rede segundo a actual estrutura xeográfica e social do municipio nun ano sen grandes modificacións nas liñas e coas mesmas tarifas.

O concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, presentou as cifras do transporte urbano en 2008, que abrangue 16 liñas urbanas e outras outro urbano-periféricas. A liña 1 (polígono do Tambre - Hospital Clínico) consolídase como a máis utilizada, cun total de 1.294.867 usuarios, o que supón o 16,52% do total da rede.

A segunda liña con máis viaxeiros é a 6 (San Lázaro – Os Tilos), con 1.254.874 viaxeiros (16,01% do total). Despois sitúase a liña 5 (polígono de Vite – estación de Autobuses - Praza Roxa – Conxo – A Rocha), con 1.234.643 usuarios (o 15,80%). Estas tres liñas aumentaron en conxunto 42.743 viaxeiros respecto a 2007.

Observando a evolución das distintas liñas, destaca a progresión das C5 e C6, como consecuencia da maior cobertura ao Polígono da Costa Vella. Os cambios tamén afectaron positivamente á liña 13 (tanatorio de Boisaca – polígono do Tambre – Guadalupe – Casas Novas). Nas liñas urbano-periféricas salienta o aumento en 8.127 da liña de Ortoño.

Máis bonos de viaxe
En canto á utilización dos distintos títulos de viaxe, segue a baixar o uso dos billetes ordinario e escolar, que pasan en 2008 a supoñer un 29,94%, fronte ao 32,23% de 2007. En troques, o emprego dos bonos ordinarios e escolares aumentou un 2,02%. Tamén se están a asentar os transbordos gratuítos.

Outro aumento significativo é o das viaxes bonificadas. Na actualidade, o Concello ten distribuídos 13.948 bonos gratuítos, repartidos entre os seguintes perfiles de usuarios: minusválidos e acompañantes, carentes de recursos, maiores de 65 anos e pensionistas e xubilados.

As viaxes realizadas en virtude destas bonificacións suman un total de 2.170.333, contabilizadas as bonificacións sociais e os transbordos gratuítos. Estas viaxes supoñen o 27,72% das viaxes totais, converténdose ese título de viaxe no máis utilizado. O custo para o Concello destas bonificacións e fomento do transporte supón preto dun millón de euros.

Melloras nas liñas
Na liña de atender as demandas dos cidadáns, o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, anunciou como inminente unha modificación das liñas C2 e C4 para que pasen por Volta do Castro. Recordou que a flota do transporte urbano componse de 50 vehículos, cunha idade media de seis anos, e indicou que no período 2010-2011 se acometerá outra renovación de autobuses.

Transporte metropolitano
Carlos Nieves expresou tamén a súa confianza en que durante o 2009 poida estar plenamente operativo o plan de transporte metropolitano. Así, o acordo cos distintos operadores fará que veciños de áreas de Compostela a onde non pode chegar o transporte urbano poidan beneficiarse dos mesmos prezos deste. Igualmente, será posible que os usuarios do transporte metropolitano doutros concellos poidan facer os seus transbordos en Santiago dun xeito gratuíto.

Direccións relacionadas



Compartir: