CIDADE HISTÓRICA

O Consello da Xunta autoriza un investimento de 3,5 millóns de euros para a mellora de tres zonas da Cidade Histórica

19/02/2009 O Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio entre a Consellería de Vivenda e Solo e a Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica para a reurbanización do espazo público en tres áreas da Cidade Vella. Esta actuación, que suporá un investimento de 3,5 millóns de euros por parte da Consellería, acordada nunha xuntanza mantida en 2008 entre as titulares dos dous departamentos, Teresa Táboas e Olga Pedreira. A cantidade executarase en dúas anualidades: 920.000 euros en 2009 e 2.580.000 euros en 2010.

A concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, amosouse "moi satisfeita con esta nova" xa que é obxectivo do seu departamento "apostar pola reurbanización e renovación dos espazos públicos, por tratarse do lugar no que descorren as relacións sociais e colectivas", e traballar "pola creación de espazos públicos de calidade para a revitalización social e económica dos barrios".

As zonas que serán obxecto de reurbanización e mellora son as rúas Raxoi e San Clemente ata Trinidade; o cruce do Campo das Hortas no ámbito do Cruceiro do Gaio; a Calzada de San Pedro, a Calzada de Santo Antonio e a rúa do Espírito Santo. O obxectivo destas actuacións é a recuperación do patrimonio arquitectónico a través da rehabilitación, revitalización e posta en valor dos espazos urbanos e a creación de novos lugares de encontro e lecer para os cidadáns. En concreto, as obras consistirán na racionalización do trazado das rúas e espazos abertos, facilitar o tránsito e continuidade peonil resolvendo os problemas de accesibilidade, renovación completa das instalacións de abastecemento e saneamento, así como o punto de recollida de residuos sólidos urbanos.

Tamén se analizarán os pavimentos das calzadas e das beirarrúas para valorar a súa reparación ou substitución, adecuación das beirarrúas no seu encontro coas vivendas tendo en conta os patíns ou desniveis existentes, integración no ámbito dos elementos visibles dos servizos urbanos, posibilidade de renovación do mobiliario urbano e, por último, instalación de elementos vexetais onde sexa posible.

Compartir: