XUVENTUDE

Xuventude aposta pola música galega coa segunda edición do MúsicaXove

19/02/2009 O concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, presentou a convocatoria do II Certame MúsicaXove, que dará a posibilidade de canalizar a creatividade musical das novas promesas musicais de Santiago e do resto de Galicia. No acto, o concelleiro estivo respaldado pola voz e guitarrista do grupo compostelán Sinestesia, Tomás Porteiro.

No certame, que se celebrará os días 16, 23 e 30 de abril na Sala Capitol, poderán participar todos os grupos que forman parte da Rede Galega de Locais de Ensaio (dependente da Dirección Xeral de Xuventude), que competirán por ser os mellores na súa categoría musical. Dende a Concellaría de Xuventude organízase este concurso para promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical dos mozos que manteñen a ilusión de converterse en "grandes estrelas da música". Poderán participar todos os grupos e solistas de entre 16 e 35 anos que ensaien en calquera dos 52 locais de ensaio distribuídos por toda Galicia.

Os rapaces dispoñen dun local de ensaio en San Lázaro con dúas salas independentes onde contan co material básico para compoñer e tocar os seus temas. Tamén reciben respaldo en canto á promoción e difusión das súas actividades, con actuacións e concertos organizados pola Concellaría de Xuventude ou a través de colaboracións con outras institucións, salas de concertos e demais empresas.

Outro dos requisitos é que os participantes non poden ter editado ningún disco, agás os autoeditados, nin contrato con algunha discográfica. Entre os xéneros musicais a concurso atópanse o pop-rock, o metal, a canción de autor-folk e o hip-hop.

En canto ao xurado, estará composto por especialistas do mundo da música, que valorarán a utilización da lingua galega, tanto nas letras coma na imaxe da banda. Este mesmo xurado, encargado de dar o veredicto o día do concerto final, escoitará previamente as maquetas, para seleccionar como mínimo a tres participantes por modalidade. Os seleccionados tocarán obrigatoriamente no concerto os dous temas presentados na maqueta e dous temas a maiores de elección libre. Os premios serán os seguintes:

- Catro primeiros premios, un por modalidade, de 2.000 euros cada un.
- Catro segundos premios, un por modalidade, de 1.000 euros cada un.
- Catro terceiros premios, tamén para cada modalidade, de 500 euros cada un.

Ademais, os gañadores terán a posibilidade de participar na edición dun disco recopilatorio de cada unha das actuacións, e de promocionar a súa música con diversas actuacións musicais: dúas para o gañador de cada modalidade e unha para o segundo e terceiro clasificado en cada categoría.

Concerto de presentación: venres 20, na Sala Capitol
Para que toda a xuventude coñeza o certame, Baqueiro anunciou que o venres 20 de febreiro celebrarase un concerto gratuíto a modo de presentación oficial do Certame de MúsicaXove´09, "para o que as entradas xa están esgotadas", destacou Baqueiro. O concerto comezará ás 21:30 horas na Sala Capitol, e actuarán dous grupos importantes do panorama musical nacional e internacional: os galegos The Blows e os vascos We are standard; e como teloneiros actuará o grupo compostelán Sinestesia, gañador na primeira edición do certame na categoría de pop-rock e teloneiros no último concerto que Miguel Bosé ofreceu no Multiusos Fontes do Sar. Esta actividade programouse como alternativa de ocio para o rapaces e rapazas da cidade que saíran en masa nesta noite para celebrar a chegada do Antroido.

Ciclo Importa
Nesta liña, Baqueiro tamén quixo destacar a celebración do Ciclo Importa, dentro do que se programou unha serie de concertos na Capitol para atraer a grupos de renome internacional a Galicia e introducir á comunidade no circuito non que se moven os grupos internacionais de música alternativa. Son grupos cabezas de cartel dos principais festivais europeos do verán (dEUS, que actuou o pasado 23 de outrubro; Gogol Bordello, o 11 de decembro; Tindersticks, o 11 de febreiro). A próxima cita será o 17 de abril co grupo sueco Millencolin, unha das formacións máis respectadas dentro do hardcore melódico.

A primeira edición de MúsicaXove (que se celebrou en xuño de 2008) tivo unha gran acollida entre o público xuvenil, que todos os venres e sábados non perdían a cita coa música local na Sala Capitol. Programáronse tres xornadas musicais para escoitar aos 14 grupos a concurso. Os gañadores foron Thinking Twice, na categoría de metal, os hip hopeiros Pa la Peña, Sinestesia como banda pop e GS21 dentro do estilo de folk.

E para darlle a importancia que se merece a esta actividade, o concelleiro lembrou que en outubro inaugurouse unha exposición con 40 fotografías de cada un dos concertos do certame musical, realizadas por Andrés Fraga, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche. As instantáneas captaban o mellor de cada un dos concertos, con imaxes impactantes dos grupos.

O período de inscrición acabará o 21 de marzo no Rexistro Xeral do Concello (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16) e os interesados en participar poden recibir máis información sobre o certame no Centro Xuvenil O Ensanche.

Documentos relacionados



Compartir: