FESTAS

O sábado de Antroido, en clave de cabaré

18/02/2009 A Concellaría de Festas ten todo disposto para dar o pistoletazo de saída o Antroido 2009. Coa presentación oficial do programa de festas só queda esperar a que chegue o pregón para poñer os disfraces máis divertidos e orixinais e participar en todos os desfiles e concursos programados para estes cinco días de troula.

Os encargados de dar o pregón esté ano será a compañía de cabaré Femme fatale e o artista Nelson Quinteiro, que cos seus ritmos de cabaré e movementos de can can darán a benvida ao Antroido na Praza do Toural, o sábado 21 ás 20:30 horas.

A compañía Femme fatale é un grupo de teatro que xunta artistas de diferentes sectores das artes escénicas co obxeto de crear espectáculos en clave de cabaré. Está dirixida por Nelson Quinteiro, quen á vez dirixe o Festival Galego de Cabaré, ten en funcionamento tres espectáculos de corte e filosofía ben diferenciada. Está composta por un nutrido grupo de artistas entre os que atopamos malabaristas, bailarinas, actrices ou cantantes.

Con sede na Coruña, a compañía creada para o I Festival Galego de Cabaré (Cabaré3 Oleiros 2006), e cunha forte implicación no II Festival Galego de Cabaré (Cabaré3 Pontevedra 2007), conta cunha escola propia de formación e ten no elemento formativo un pilar fundamental do seu funcionamento. No III Festival Galego de Cabaré (Cabaré3 A Coruña 2008) consolida a súa actividade coa presentación de tres espectáculos que a definen como unha das apostas máis sólidas do panorama teatral galego en torno ao cabaré contemporáneo.

Para o pregón, Femme fatale elixiu o espectáculo Cabarédeambulante, unha actuación de rúa que consiste na irrupción dun cabaré ambulante na realidade máis cotiá, nunha explosión de cor, sensualidade, ambigüidade e altas doses de glamour envoltas baixo un fío conductor coreográfico.

Unha gala con moito glamour e a estética dos anos 20
Tras o pregón, a compañía teatral será a encargada de animar a noite do sábado de Antroido cunha gala cabaré na Sala Capitol ás 22:00 horas, para a que será necesario recoller invitación no Teatro Principal. Estrearán mundialmente o espectáculo Cabaré en crise, no que se mesturan as mellores coreografías e os mellores guións en máis de 100 minutos de duración con música en directo da banda St James Street Band, un corpo de seis bailarinas, un mestre de cerimonias nada convencional, unha cantante de jazz, unha bailarina de danza contemporánea, un malabarista, proxeccións audiovisuais e moitas disciplinas unidas baixo un fío conductor de "nocturnidade, alevosía e diversión, o mellor bálsamo para os tempos de crise", apuntan dende Femme fatale.

Dende a Concellaría de Festas queren animar a todos os composteláns a participar nas actividades programadas. Así, como xa é habitual, o martes de Antroido terá lugar o desfile de carrozas e comparsas no que poderán participar libremente todos aqueles que o desexen. A participación está aberta a todas as asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas individuais. Pero para poder desfilar os interesados deben inscribirse na Concellaría de Festas (Teatro Principal, rúa Nova, 21) antes das 14:00 horas do luns 23 de febreiro.

Documentos relacionados



Compartir: