EMPREGO

Os Programas de Cooperación solicitados polo Concello contemplan insertar laboralmente a máis de 200 persoas

16/02/2009 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo enviou á Consellería de Traballo a solicitude de subvención para desenvolver 27 Programas de Cooperación que contemplan insertar laboralmente a 202 persoas. O obxectivo destes programas é contratar a persoas desempregadas para que, a través do desenvolvemento de obras e servizos de interese para a comunidade, incrementen a súa formación e a súa práctica profesional, mellorando así as súas expectativas de reinserción.

O tipo de obras e servizos aos que se da preferencia son os que resultan de maior interese xeral e social; os que permitan a creación permanente de maior número de postos de traballo; e os que favorezan a formación e a práctica profesional das/dos traballadoras/es con maiores dificultades de inserción. Priorizarase a contratación de mulleres, desempregadas/os de longa duración e persoas menores de 30 anos .

Na solicitude de subvención, a Concellaría de Promoción Económica e Emprego contempla desenvolver oito programas que permitirán incorporar ao mercado laboral a 37 persoas desempregadas. As demais contratacións corresponden aos departamentos de Educación, Benestar Social, Cultura, Relacións Veciñais, Deportes, Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Mobilidade, Seguridade Cidadá e Servizos, Rehabilitación e Obras e Infraestruturas.

Os Programas de Cooperación véñense desenvolvendo desde hai cinco anos. En 2005, leváronse a cabo baixo o nome de Programas Labora e permitiron contratar a 35 persoas. En 2006 asináronse 91 contratos. En 2007 contratáronse 70 persoas e en 2008 foron 40.

Compartir: