CULTURA

Abe Rábade Trío no Ciclo de Concertos Didácticos do Auditorio de Galicia

16/02/2009 O Auditorio de Galicia presenta a Abe Rábade Trío nun programa didáctico dedicado ao jazz os días 17 e 18 de febreiro, ás 11:00 h na sala Ángel Brage.

O Auditorio de Galicia ven programando o Ciclo de Concertos Didácticos cos centros educativos para que os escolares de primaria, secundaria e bacharelato poidan asistir, nunha sala emblemática de concertos, a actuacións de música clásica, folclórica, jazz, ópera ou danza.

Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977) comezou a súa formación musical no Conservatorio de Santiago de Compostela e completou os seus estudios no Berklee College of Music onde se licenciou en piano e composición de jazz.

Dende 1996 é o líder do Abe Rábade Trío formado con Pablo Martín Caminero no contrabaixo e Bruno Pedrosa na batería. Ten editados máis de dez traballos discográficos e recibiu diversos premios. Ofreceu concertos nos festivais de jazz máis prestixiosos da Península Ibéria e na Habana (Cuba), Salvador de Bahía (Brasil), Tánxer (Marrocos), Helsinki (Finlandia), Múnic, Berlín e Kiel (Alemaña), Tolousse, París (Francia), Birmingham (Gran Bretaña)…

O programa, preparado especialmente para achegar o jazz aos escolares, presenta obras de clásicos do jazz como Charlie Parker, Bill Evans, Miles Davis, John Coltrane e dúas composicións do propio músico.

Ás sesións deste espectáculo asistirán mil rapaces cada día, de centros escolares de Santiago de Compostela, Boqueixón, Touro, Ames, Brión, Monforte de Lemos, Marín, Caldas de Reis, A Estrada, Noia, Pontecesures, Pontedeume, Val do Dubra, As Pontes e Porto do Son.

Compartir: