ALCALDÍA

O Estado mobiliza 400 millóns de euros en obras para a cidade

13/02/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción polo anuncio de que o Estado investirá 88 millóns de euros na duplicación do tramo Santiago Norte - Santiago Sur da AP-9. Esta cantidade, sumada a outras previstas para diversas obras na cidade, deixan un investimento por parte da Administración central duns 400 millóns de euros, que se incrementará ata os 500 coas obras da EDAR e da estación do AVE.

Para Sánchez Bugallo, o compromiso manifestado pola vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega fai realidade o anuncio feito por el mesmo no sentido de que o Estado ía asumir o 100% do custo da ampliación da AP-9 no seu tramo compostelán. Definiu esta actuación como "a máis necesaria" para Santiago e recordou o volume de 60.000 vehículos por día que debe soportar na actualidade este tramo da autopista.

O financiamento do Estado desta obra supón, en opinión do alcalde, que "non debe haber dificultades nas negociacións coa empresa concesionaria". Neste sentido, agarda que, cando menos, se vaia chegando a acordos parciais que permitan que esta obra "poda ser sacada a concurso neste mesmo ano". Hoxe, recordou, estase a redactar o proxecto e tramitando a autorización medioambiental.

Con este investimento, alcánzase a cifra de 400 millóns de euros de achegas da Administración central para obras en Santiago, contando as cantidades destinadas ás obras da nova terminal e doutras actuacións en Lavacolla, dos colectores, da rede viaria (túnel da Galuresa, terceiro carril do periférico, túnel de Conxo e duplicación da ponte de acceso ao Polígono do Tambre) e do fondo estatal de investimento público.

Esta cantidade incrementarase por riba dos 500 millóns unha vez se concreten os proxectos da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) e da estación do AVE. Sobre a EDAR, o alcalde indicou que está na fase de autorización medioambiental e de resolución de alegacións. Anunciou conversas coa ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, para axilizar esta actuación e pasar así ao seguinte paso, a licitación do proxecto da obra.

Aprobación de obras polo MAP
Ao respecto dun desas achegas estatais, a do fondo estatal de investimento público, o alcalde anunciou que se viñan de viña de recibir a aprobación dos seis proxectos que restaban por parte do Ministerio de Administracións Públicas. Ábrese un prazo de 26 días para que o Concello redacte os proxectos e inicie o proceso de licitación destas seis obras. No caso das 27 aprobadas con anterioridade, estes trámites deberán estar feitos antes do 2 de marzo.

Cumprindo con estes prazos, na Xunta de Goberno do 17 de febreiro iniciarase a licitación de 11 destas 33 actuacións. Segundo apuntou o alcalde, iranse sacando sucesivamente as demais, co obxectivo de que entre abril e maio estean en marcha todas as obras.

Compartir: