ALCALDÍA

O Concello cede unha parcela ao Consello Galego de Cámaras para a construción da súa sede

13/02/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente do Consello Galego de Cámaras, Francisco Cruz Senra, asinaron no Pazo de Raxoi o convenio polo cal a entidade municipal cede un terreo de case 1.800 metros cadrados ubicado nas Cancelas para a futura sede do Consello.

O convenio asinado ten por obxecto regular as liñas de colaboración entre o Consello Galego de Cámaras e o Concello de Santiago de Compostela para a implantación na capital de Galicia dun edificio que sexa a sede desta institución e que permita desenvolver axeitadamente todas as súas funcións . O alcalde destacou a relevancia deste compromiso, que vinculou tamén co da construción da sede da FEGAMP, para sinalar que "son bos para Santiago e bos para as dúas institucións".

No escrito, o Consello Galego de Cámaras comprométese no prazo de catro anos, a contar dende a firma do convenio, a presentar ante o Concello de Santiago o anteproxecto para a construción do citado equipamento e a acreditación de que conta co financiamento necesario para acometer as referidas obras. Neste sentido, o presidente da institución comprometeuse a "empezar canto antes" a obra, malia a actual conxuntura económica. No Consello agardan contar coa colaboración doutras administracións para levar a cabo o proxecto.

Unha vez recibida a citada documentación, o Concello de Santiago comprométese a tramitar o expediente administrativo necesario para poñer a disposición do Consello Galego de Cámaras e nas condicións que procedan, a parcela establecida polo prazo de 75 anos, co fin de que nela se implante a devandita edificación destinada a ser a súa sede.

O terreo intégrase no proxecto de compensación do SUNP-4 das Cancelas e conta cunha superficie de 1.785 metros cadrados. Esta parcela, que é parte doutra mais ampla segregada polo Concello, resulta axeitada para o destino que se plantexa , non só pola súa situación próxima ao centro da cidade, senón tamén pola súa accesibilidade.

Compartir: