REFORMA ADMINISTRATIVA

Santiago participará nun programa europeo para optimizar a administración electrónica

13/02/2009 A concelleira de Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, presentou en rolda de prensa a candidatura para participar nun proxecto que consistirá esencialmente en estudar e intercambiar experiencias en todo o relativo ás metodoloxías máis axeitadas para poñer en práctica a administración electrónica. Isto permitirá reducir ao máximo o emprego do papel a nivel municipal, tanto a nivel interno como na relación cos cidadáns.

Baixo o epígrafe ""Municipalidades baseadas no coñecemento e na orientación de procesos", o proxecto tratará de comprobar o grao de funcionamento da administración electrónica. Desta forma conséguese dotar aos concellos dunha ventaíña única, co que se simplifican os procesos e se achegan ao cidadán, existindo ademais uns protocolos que indican os tempos que os expedientes deben tardar en realizarse en cada un dos procesos.

O obxectivo é achegarse á calidade total e racionalizar os procesos no propio seo da administración, e todo isto en consonancia cos novos temas da axenda europea máis recente e que se refiren a "Green ITC" (Telecomunicacións Verdes), orientadas a que as novas tecnoloxías faciliten unha vida máis ecolóxica e un aforro de enerxía. Isto conséguese, por exemplo, coa redución considerable de emprego de papel na administración.

Colaboración entre cidades e manual de boas prácticas
O proxecto está liderado pola Câmara Municipal de Águeda (Portugal), que xunto coa tamén portuguesa Câmara Municipal de Paços de Ferreira, outra das socias do proxecto, son municipios moi avanzados no que se refire a implantación de administración sen papel nas súas cidades. Participan tamén co Concello de Santiago de Compostela o Consorzio per lo Sviluppo del Polesine CONSVIPO (Italia), unha Axencia de Desenvolvemento local que agrupa a municipios da rexión do Véneto; GEORAMA (Municipalidad de Messologgi y Municipalidade de Etoliko), (Grecia), ONG que traballa polo desenvolvemento da zona oeste de Grecia e a Comunidad La Sagra Alta (España), onde as cidades de Albacete e Cuenca desenvolverán accións piloto. As Universidades que tomarán parte e colaborarán especialmente coa elaboración de estudos e do manual de boas prácticas son a Universidade Politécnica de Madrid e a Universidade do Minho de Portugal.

Para Santiago este proxecto supón a posibilidade de estudar e ver in situ os resultados acadados en materia de administración electrónica en Águeda e Paços de Ferreira, dúas cidades portuguesas avanzadas na implantación destes sistemas na súa relación cos cidadáns. Organizarase unha acción formativa e un seminario na cidade, onde se distribuirán os distintos documentos elaborados no marco do proxecto, como o boletín de novas, folletos e manuais. Haberá unha participación activa nos talleres e seminarios organizados polos outros socios do proxecto. Obteranse os estudos realizados polas universidades participantes e recibiranse os resultados das implantacións que se vaian realizando nas outras cidades participantes.

Ademais, Santiago estará involucrado directamente na elaboración dun manual de boas prácticas para aplicar nos sistemas municipais, baseado na construción de capacidades das organizacións, que se completará cunha acción piloto en Compostela para comprobar os seus resultados e poder validar as boas prácticas nunha organización das nosas características.

Ata agosto de 2012
O proxecto total ten un orzamento de preto de un millón de euros (903.930 euros), dos que 733.780 serán aportados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O Concello de Santiago terá unha participación de 88.800 euros no proxecto, dos que 66.600 proveñen do FEDER, polo que a achega de recursos propios do Concello de Santiago para os 36 meses de proxecto é de 22.200 euros. Resolverase no vindeiro outono, e de aprobarse a candidatura comezaría a desenvolverse no mes de outubro deste ano cunha duración de trinta e seis meses, finalizando no mes de agosto de 2012.

O Proxecto preséntase á convocatoria do INTERREG IV C, programa que ten a súa Secretaría Técnica en Lille (Francia) e que se pechou o pasado 30 de xaneiro de 2009. Este Programa forma parte do Obxectivo de Cooperación Territorial Europeo das políticas da UE relativas aos Fondos Estruturais para o período 2007-2013. O seu principal obxectivo é o de mellorar a efectividade das políticas rexionais de desenvolvemento por medio da cooperación entre rexións e contribuír á modernización económica e aumentar a competitividade en Europa permitindo aos actores rexionais e locais europeos intercambiar as súas experiencias e coñecementos, facendo coincidir a rexións menos experimentadas en determinadas políticas con outras rexións máis avanzadas, para asegurar a transferencia de boas prácticas entre os Programas de Fondos Estruturais.

Compartir: