ALCALDÍA

O alcalde anima aos mozos a formarse para tomar a decisión máis axeitada cara o seu futuro

13/02/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou o I Encontro educativo para o desenvolvemento persoal da xuventude no mercado laboral Mantente en FORMAción, organizado polas concellerías de Educación e Xuventude. Desenvólvese no Palacio de Congresos os días 13 e 14 de febreiro.

Na súa intervención no acto inaugural, Sánchez Bugallo animou aos rapaces a formarse "nun momento de encrucillada na vida na que tedes que tomar decisións importantes para o voso futuro". Recordoulles que "a formación non acaba nunca" e aconselloulles "non obsesionarse nin confiarse". Acompañaron ao alcalde neste acto os concelleiros de Educación e de Xuventude, Guadalupe Rodríguez e Xosé Baqueiro; a directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela; e o director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca.

Esta iniciativa pretende potenciar entre a xuventude habilidades profesionais precisas para o desenvolvemento persoal no mercado laboral. Todas as actividades están orientadas a desenvolver dun xeito lúdico e formativo as capacidades dos máis novos cara a busca de emprego nun futuro máis ou menos inmediato.

Relatorios, obradoiros e xogos
O evento traerá ata o Palacio de Congresos para impartir relatorios a personaxes tan coñecidos coma o adestrador e comentarista Jorge Valdano ou o presentador e actor Dani Mateo. O primeiro pronunciará unha conferencia sobre como "Facer equipo e poñerse ao fronte", mentres que o segundo falará acerca de "A comunicación na sociedade de masas".

Tamén impartirán relatorios o director de Enxeño Galicia, Modesto Luis Gómez; o director de Kukuxumusu, Mikel Urmeneta; a directora da Escola Internacional de Protocolo de Galicia, Pilar Muíños; o director de Blu:sens, José Ramón García, e o experto en creatividade da USC David de Prado.

Os mozos asistentes tamén poderán participar en diversos obradoiros, xogos e concursos. As actividades compleméntanse cun espazo expositivo, denominado "Espazos efémeros". Aquí, os participantes poderán atopar diferentes postos institucionais ou de empresas nos que asesorarse sobre formación, selección ou mercadotecnia persoal, entre outros temas.

Compartir: