COMERCIO

A terceira feira de saldos Compostela Outlet conta xa con 40 comercios inscritos

12/02/2009 O 23 de febreiro remata o prazo de preinscrición para participar na III Feira do comercio polo miúdo Compostela Outlet, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no marco do programa de actividades Marzo, mes do comercio. 40 estabelecementos comerciais xa presentaron a solicitude en rexistro para acudir á feira de saldos que se celebrará no Recinto Feiral de Amio o 14 e 15 de marzo.

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio desenvolve por terceiro ano consecutivo Compostela Outlet co obxectivo de axudar aos estabelecementos de venda polo miúdo a liquidar existencias. Este ano os comercios participantes poderán escoller, dentro da área subvencionada, entre un stand de 6 metros cadrados ou un de 10 metros cadrados. Nas dúas anteriores edicións a oferta limitábase a un espazo de 6 metros cadrados. Con esta modificación aténdese a unha petición expresada polo sector nunha reunión á que asistiron os estabelecementos comerciais que participaron en 2008 na feira de saldos.

En Compostela Outlet pode participar calquera persoa física ou xurídica con estabelecemento aberto no municipio de Santiago, agás os do sector de alimentación. A solicitude de preinscrición pódese baixar da páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio: www.maiscompostela.org. Unha vez cuberta, hai que entregala en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago. Co obxectivo de facilitar a participación do sector, a Concellaría está a distribuír 2.500 dípticos informativos acompañados doutras tantas solicitudes de preinscrición entre os comercios de Santiago.

A adxudicación de espazo realizarase por orde de entrada en rexistro. A participación está limitada ao número de postos resultantes do proxecto organizativo, de deseño e acondicionamento do recinto feiral presentado polo entidade que resulte adxudicataria da organización do evento. Establécense, como mínimo, 900 metros cadrados de superficie subvencionada.

Esta é a terceira feira de saldos que se desenvolve en Santiago. Por cada unha das dúas edicións anteriores pasaron case 16.000 persoas.

Compartir: