NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Volven os obradoiros de dinamización lingüística para alumnos de primaria e secundaria

10/10/2005 Os Obradoiros Máis Alá! de lingua divertida que organiza a concellaría de Política Lingüística son talleres para crear un espazo lúdico e de aprendizaxe onde as nenas e os nenos reflexionen arredor da lingua galega e da súa situación. As sesións desenvólvense desde a perspectiva das dinámicas grupais e participativas, de xeito que son os rapaces os que protagonizan as actividades, baseadas na educación en valores e na diversidade cultural e lingüística como unha riqueza social.

A Concellaría de Política Lingüística pón en marcha, un ano máis os obradoiros lúdico-educativos de dinamización lingüística para o curso 2005-2006.

Os primeiros diríxense a alumnado de 5º e 6º de primaria. Están divididos en dous bloques de oito sesións, correspondentes ao primeiro e segundo trimestre do curso, e están dirixidos a alumnos de 5º e 6º de primaria.

Unha vez rematados os dous primeiros bloques realizarase unha excursión dun día, no mes de febreiro, na que as rapazas e os rapaces se xuntarían coas persoas que participaron noutros obradoiros de diferentes vilas e cidades galegas. O obradoiro poderase prolongar ata final de curso.

O Colexio Pío XII acollerá este taller os xoves, a partir do 20 de outubro, de 16 a 17.30 horas, mentres que no Colexio de As Fontiñas será os mércores, desde o 19 de outubro, de 16 a 17.30 horas.

Obradoiros para secundaria
O alumnado de secundaria que queira participar nos Obradoiros Máis Alá! terán nove sesións que, ao seu remate, se completarán cunha convivencia dunha finde semana, á que acoden tamén rapaces e rapazas doutros lugares do noso país.

Existen dúas modalidades de obradoiros, os Obradoiros de lingua e sociedade (OMA I), dirixidos a rapaces e rapazas que participan por primeira vez, e os Obradoiros de lingua e participación (OMA II), que están destinados a mozos que acudiran antes ao OMA I.

O Obradoiro de lingua e sociedade para alumnos que asisten por primeira vez realizarase no IES Xelmírez II a partir os mércores, desde o 19 de outubro, de 16.30 a 18.30 horas, ou ben no Xelmírez I, os xoves, a partir do 20 de outubro, de 16.30 a 18.30 horas. A excursión será en xaneiro.

Aqueles alumnos que xa teñan realizado un obradoiro, terán o seu taller os mércores, desde o 19 de outubro, ao IES
Xelmírez I de 16.30 a 18.30 h.

Tanto para os obradoiros de primaria como para os de secundaria, o número máximo de participantes por obradoiro é de 20 nenos e a asistencia é gratuíta. A participación é individual e voluntaria e, para inscribirse, cómpre entregar a folla de solicitude no Departamento de Lingua Galega (na Casa do Concello, entrando pola avenida de Raxoi) ou comunicar os datos por teléfono (981 542 409), fax (981 543 043) ou correo electrónico (dlg@compostelacultura.org).

Compartir: