DEPORTES

Comerciantes e hostaleiros xuntan esforzos para promover o deporte base a través do Xogo Solidario

12/02/2009 A Casa do Concello acolleu a presentación da iniciativa Xogo Solidario, enmarcada dentro do Programa de Axudas da Fundación Compostela Deporte, coa que comerciantes e hostaleiros dos municipios de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra xuntan esforzos para promover o deporte base.

O Xogo Solidario enmárcase dentro do Programa de Axudas da Fundación Compostela Deporte a través da cal comerciantes e hostaleiros dos municipios de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra tentan impulsar o deporte base. O obxectivo desta iniciativa é dotar de recursos a uns 100 clubs modestos para mellorar o seu financiamento e involucrar a distintos colectivos na tarefa de promoción do deporte base de Compostela e a súa comarca, coa participación dos establecementos comerciais dos concellos de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra.

A campaña desenvolverase a partir do mes de marzo mediante o sistema de rascas. Os participantes optarán a agasallos directos e descontos nos establecementos colaboradores, que xa van polos 166, pertencentes aos Concellos de Santiago, Ames, O Pino, Oroso, Teo e Vedra.

A Fundación Compostela Deporte distribuirá 100.000 rascas entre máis dun cento de clubs da comarca, ademais de 25.000 folletos publicitarios coas entidades colaboradoras e expositores e cartelería que identifique os negocios solidarios, e fará outra difusión publicitaria a través dos medios de comunicación.

Colaboración directa cos clubs
O alcalde e presidente da Fundación, Xosé A. Sánchez Bugallo, lembroulle aos cidadáns, que o euro que paguen por cada rasca irá a parar íntegro á entidade deportiva respectiva, polo que lle estarán prestando á mesma unha axuda directa. Pola súa parte, o concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña, destacou a importancia desta axuda para o deporte base, que se une a outras subvencións municipais ou doutra índole. Ademais, referiuse a que esta iniciativa fomentará a participación dos veciños no mantemento dos seus clubs.

Todos os rascas estarán premiados e terán descontos que irán desde o 5 ata o 20 por cento e un total de 1.041 agasallos directos valorados en 35.000 euros, entre os que haberá un ordenador persoal, un casco de moto, unha bicicleta Orbea; unha Nintendo DS; un IPOD Nano 8GB; uns anteollos de sol Ray Ban; varios MP4 e unha cea para dúas persoas e noite nun hotel, entre outros premios.

O Xogo Solidario conta con Caixanova como patrocinador, ademais da colaboración do Centro Comercial Área Central, a Agrupación de Comerciantes de Santiago Acotés, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca e a Asociación de Comerciantes de Teo.

Os establecementos participantes pertencen a sectores moi diversos: alimentación; tendas de agasallos; arte floral e xardinería; artes gráficas; artesanía, xoiería; asesoría; belas artes; bicicletas; cafetería; centros de formación; clínicas de fisioterapia; podoloxía ou veterinarias; decoración; deportes; dietética, estética; hostalería, iluminación; fotografía; instrumentos musicais; lavandería; lencería; libraría; complementos de moda; moda infantil e xuvenil; motor; óptica; perruquería; pinturas; subministros de medicinas; serigrafía; spa; tenda de animais; tenda de té; ximnasio, téxtil fogar, viveiro, xoguetes ou zapatería.

No acto de presentación desta iniciativa, xunto ao alcalde e ao concelleiro de Deportes estiveron o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, Jesús Sordo; o xerente do Centro Comercial Área Central, Juan Carlos Losada; e o tesoureiro da Agrupación de Comerciantes de Santiago ACOTÉS, Manuel Loimil. Encargouse de explicar o Xogo Solidario o xerente da Fundación, Santiago Araujo.

Compartir: