CULTURA

O Teatro Principal acolle o IV Ciclo de Cinema Gay, Lésbico, Bisexual e Transexual

11/02/2009 Presentouse en Raxoi o IV Ciclo de Cinema Gay, Lésbico, Bisexual e Transexual, que se desenvolverá no Teatro Principal do 12 ao 18 de febreiro. Proxectaranse seis filmes e unha curtametraxe galega.

Na presentación do Ciclo, a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, destacou a vontade do seu departamento de facer visible a pluralidade da nosa sociedade, facéndoa presente na programación cultural da cidade, nesta caso a través da arte cinematográfica.

Lucía Vázquez, presidenta da asociación Aturuxo, organizadora do ciclo, explicou en primeiro lugar a celebración no mes de febreiro dun evento que, habitualmente, se viña celebrando no mes de xuño, a carón do Día do Orgullo. A mudanza de datas débese a dúas razóns principais: "a extensión da programación de contidos LGBT a todo o ano, de xeito que non se reduza a unha cita puntual; e o traslado do ciclo en datas invernais para que asista máis xente que en xuño, cando o tempo adoita animar a actividades realizadas no exterior".

A presidenta de Aturuxo sinalou a importancia da colaboración da Concellaría de Cultura nun evento que pretende "rachar preconceptos, integrando na vida social e cultural da cidade a toda a sociedade, sen ningunha caste de exclusión". As actividades de temática LGBT, que van continuar ao longo de todo o ano en Compostela, pretenden visibilizar e situar a pé de rúa a un amplo sector da poboación que, moitas veces, non atopa representación nos eventos sociais ou culturais.

Seis longametraxes internacionais e unha curta galega
No programa deste IV Ciclo de Cinema destaca a presenza dun filme galego: 1977, da ferrolá Peque Varela. A peza, unha coprodución galaico-británica, componse dunha cidade pequena, un nó que medra e unha nena buscando a súa identidade. O resto dos filmes, longametraxes de procedencia moi diversa, divídense en tres ciclos temáticos. Proxectaranse dous filmes lésbicos: Les filles du botaniste, de Sijie Dai, ambientada na China dos anos oitenta; e Vivere, de Angelina Maccarone, protagonizada por tres mulleres que foxen salvándose unhas ás outras e a si propias.

De temática gay pasarase Breakfast with Scot, que relata a secreta vida dun famoso ex-xogador de hóckey homosexual; a mexicana Quemar las naves, sobre a vida de dous adolescentes, Helena e Sebastián, que deben atopar o camiño da súa propia existencia; e Otto; or, up with dead people, do polémico cineasta Bruce Labruce. Na seccións de cinema transexual proxectarase A asombrosa verdade sobre a raíña Raquela, protagonizada por unha prostituta transexual das Filipinas que procura un marido heterosexual en Occidente.

Os filmes proxectaranse do xoves 12 ao mércores 18 de febreiro con dúas sesións ao día, ás 20:15 e ás 22:00 horas, agás sábado e domingo, nos que haberá tres sesións, ás 18:00, 20:00 e 22:00 horas. As entradas, a 3 euros o filme e 12 o bono para 6 películas, pódense adquirir na billeteira do Teatro Principal a partir da xornada do xoves 12, a partir das 17:30 horas, ou anticipadas a través do 902 43 44 43, ou en www.caixagalicia.es.

Documentos relacionados



Compartir: