XUNTA DE GOBERNO

O Concello concede licenzas para 142 vivendas na Choupana

10/02/2009 O Goberno local deu o visto bo ás licenzas de construción de 142 novas vivendas no SUP-5 da Choupana. Tamén ao fío da concesión de licenzas, o Concello solicitará á Consellería de Vivenda e Solo unha achega para a contratación dun arquitecto co fin de facilitar a aplicación das Normas do Hábitat Galego.

As 142 vivendas autorizadas distribuiranse en dous bloques de 71 vivendas cada un e sitúanse en parcelas dos quinteiros 6 e 7 do polígono 2 do SUP-5 da Choupana. No conxunto deste solo construiranse preto de 400 vivendas.

En relación á concesión de licenzas e a proposta do alcalde, acordouse solicitar á Consellería de Vivenda e Solo unha subvención para a contratación de persoal técnico para facilitar a aplicación das Normas do Hábitat Galego. Trátase de contratar un arquitecto para estas funcións. O Concello achegaría o 20% (4.000 euros) do custo da contratación.

Cómpre lembrar que, con motivo da entrada en vigor das normas do Hábitat Galego, entre o 7 e o 16 de abril de 2008 presentáronse solicitudes de licenza para 314 vivendas unifamiliares e proxectos para construción de 962 vivendas en edificios.

Obras
No ámbito das infraestruturas, aprobouse o proxecto de construción dos colectores de saneamento en Cornes e encomendouse a Emuvissa a xestión da execución das obras. Con esta actuación preténdese dar saída ás augas residuais e pluviais que proveñan do Ensanche (ao ser interceptadas polas obras do túnel do Hórreo), ás que proveñan do desenvolvemento do SUP-1 de Romero Donallo, ás dos Plans Parciais de Cornes e Pontepedriña e ás dos propio núcleo de Cornes.

Cultura
A proposta da concelleira de Cultura aprobáronse as bases para a contratación dun director ou dunha directora da Banda Municipal de Música. Este posto ten entre as súas responsabilidades deseñar e propor todo canto atinxe aos aspectos artísticos do funcionamento da banda, acompañar todos os concertos nos que houbera un director convidado, dispoñer dun horario flexible derivado das necesidades dos concertos, realizar e comunicar as follas de traballo dos músicos, propor e supervisar a elaboración de materiais informativos sobre as actividades da banda, coordinar a produción dos concertos, planificar e organizar o persoal e asumir a representatividade da Banda Municipal.

Medio Ambiente
En Medio Ambiente, solicítase ao Banco de Terras de Galicia (Bantegal) a cesión gratuíta ao Concello dunha masa común na concentración parcelaria de Busto-Berdía. O Concello quere acondicionar esta parcela para empregala como campo de festa e zona de lecer para o seu uso público.

Transportes
Outro acordo da Xunta de Goberno foi a aprobación da sinatura dun protocolo de actuacións entre o Concello e a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para o desenvolvemento de actuacións de fomento do transporte público na área de transporte metropolitano de Santiago.

Este documento operará como marco para o funcionamento da área de transporte. Sumaranse tamén ao mesmo os concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, O Pino, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra.

Mercados
Despois do sorteo realizado o 27 de xaneiro, adxudicáronse provisionalmente 35 licenzas de venda ambulante no mercadiño de Salgueiriños. Tamén por sorteo determinouse unha lista de espera para a provisión de vacantes, con vixencia ata o 15 de setembro de 2009, data na que se inicia o prazo para a presentación de novas solicitudes.

Xuventude
Polo que se refire á Concellería de Xuventude, aprobáronse as bases do segundo certame Músicaxove’09, cun orzamento de 27.891 euros, así coma o seu concerto de presentación.

Esta iniciativa busca difundir o traballo dos novos grupos galegos e, en particular, dos que ensaian nos Locais Municipais de Música. Máis de 20 grupos destes locais de ensaio e doutros de Galicia participaron na primeira edición de Músicaxove. A nova convocatoria será presentada en breve polo concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro.

Educación
En materia de Educación, o Goberno deu o visto bo a dous programas de inmediata posta en marcha. Un deles, en colaboración co RACE, titularase "Compromiso coa seguridade viaria e o medio ambiente", cun orzamento de 1.200 euros. O outro é a actuación A historia do século XX contada a través do rock, en colaboración con Ibercaja, cunha achega municipal de 812 euros.

Por outra parte, aprobáronse as bases da XIV edición do Premio Literario Ánxel Casal, nas modalidades e teatro, poesía e conto. Destínanse 8.097 euros a un programa que recoñece aos máis novos creadores literarios galegos, á vez que promove o emprego da lingua galega. Poden concorrer a este premio alumnos e alumnas de ensino non universitario a partir dos 14 anos.

Documentos relacionados



Compartir: