EDUCACIÓN

Educación e Xuventude convidan aos mozos a un Encontro no que potenciar as súas habilidades profesionais

10/02/2009 O Palacio de Congresos e Exposicións acollerá os días 13 e 14 de febreiro o I Encontro educativo para o desenvolvemento persoal da xuventude no mercado laboral Mantente enFORMAción, organizado polas concellerías de Educación e de Xuventude coa colaboración da Consellería de Traballo. Esta iniciativa pretende potenciar entre a xuventude habilidades profesionais precisas para o desenvolvemento persoal no mercado laboral. O prazo para apuntarse está aberto ata o xoves 12 e as solicitudes deberán enviarse ao seguinte enderezo: info@enseno.com.

Os concelleiros de Educación e de Xuventude, Guadalupe Rodríguez e Xosé Baqueiro, presentaron o programa do Encontro, que incluirá relatorios, talleres, unha ocioteca e un espazo expositivo. Todas estas actividades están orientadas a desenvolver dun xeito lúdico e formativo as capacidades dos máis novos cara a busca de emprego nun futuro máis ou menos inmediato.

O evento traerá ata o Palacio de Congresos para impartir relatorios a personaxes tan coñecidos coma o adestrador e comentarista Jorge Valdano ou o presentador e actor Dani Mateo. O primeiro pronunciará unha conferencia sobre como "Facer equipo e poñerse ao fronte", mentres que o segundo falará acerca de "A comunicación na sociedade de masas".

Tamén impartirán relatorios o director de Enxeño Galicia, Modesto Luis Gómez; o director de Kukuxumusu, Mikel Urmeneta; a directora da Escola Internacional de Protocolo de Galicia, Pilar Muíños; o director de Blu:sens, José Ramón García, e o experto en creatividade da USC David de Prado. Falarán de cuestións como as creatividade, os comportamentos e aparencias ou a aventura de emprender en Galicia.

Obradoiros, xogos e espazos efémeros
Os mozos asistentes tamén poderán participar en diversos obradoiros. Neles ensinarase cuestións básicas como a orientación persoal cara á selección laboral, o desenvolvemento da intelixencia creativa, a utilización da publicidade, a iniciativa empresarial ou as dinámicas de selección de persoal. Ademais, realizarase unha competición na que se poñerá de relevo a importancia do traballo en equipo.

Nun espazo reservado para o ocio desenvolveranse varios xogos destinados a potenciar as capacidades de expresión oral, argumentación, comunicación global ou interpretación dos participantes. Así mesmo, celebrarase o I Torneo Mantente enFORMAción, con catro concursos que permitirán a realización de anuncios televisivos de selección de persoal, monólogos, anuncios para prensa gráfica ou un discurso.

Todas as actividades compleméntanse cun espazo expositivo, denominado "Espazos efémeros". Aquí, os participantes poderán atopar diferentes postos institucionais ou de empresas nos que asesorarse sobre formación, selección ou mercadotecnia persoal, entre outros temas.

Mantente enFORMAción está aberto a calquera interesado en potenciar as súas habilidades laborais e profesionais, se ben está dirixido principalmente a mozos de entre 16 e 20 anos e aos seus educadores. A inscrición no evento pode facerse a modo individual ou como membro dun centro educativo. Cada participante deberá asumir un rol de equipo co que integrarse nas distintas dinámicas: titor, capitán, xogador ou creativo.

Ademais dos concelleiros de Educación, Guadalupe Rodríguez, e de Xuventude, Xosé Baqueiro, participou na presentación do Encontro a directora xeral de Traballo, Pilar Cancela. A Consellería de Traballo patrocina este evento, coordinado por Enxeño Galicia.

Direcciones relacionadas



Compartir: