CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais acollerán vinte charlas e obradoiros afectivo-sexuais

06/02/2009 Os centros socioculturais da cidade acollerán un programa de charlas-obradoiro afectivo-sexual durante o 2009, en colaboración co centro Quérote. Serán 20 sesións nas que os interesados poderán participar de balde solicitándoo previamente.

Na presentación destas charlas, a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García, destacou a necesidade de que un tema de tal importancia vaia máis aló dos centros escolares, achegándose á vida cotiá dos barrios da cidade e aos seus centros socioculturais. Engadiu que o programa se vai achegar non só aos centros de cabeceira da cidade -os situados en Vite, Fontiñas, Conxo, Ensanche, Castiñeiriño e A Trisca-, senón tamén a outros rurais ou semiurbanos como Villestro ou A Rocha.

O programa de charlas e obradoiros componse de vinte xornadas, de dúas horas e media de duración cada unha, na que poderán inscribirse un máximo de vinte persoas de xeito gratuíto, mais con cita previa. As charlas divídense en tres modalidades: as nomeadas Sen cita previa, dirixidas a mozos e mozas de máis de 16 anos; as Pais e nais, para os educadores da xente nova; e o programa Quérome, dirixido a mulleres adultas.

Fronte á falta de información
Pola súa banda, o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, afondou no programa de Centros de asesoramento afectivo-sexual para a mocidade, Quérote, que naceu hai dous anos e medio como un proxecto para resolver o problema da falta de información en materia sexual da mocidade.

Actualmente hai sete centros Quérote en toda Galicia, un por cada cidade, cun total de 30 traballadores especializados que se atopan en continua formación. Ademais trátase dun proxecto multicanle, pois os mozos e mozas poden adquirir información a través dos centros físicos, mais tamén na liña 900 da que dispón o programa e mediante o portal web, no que se poden realizar consultas on-line respondidas nun prazo máximo de 48 horas por persoal especializado.

Documentos relacionados



Compartir: