ALCALDÍA

O alcalde agarda para antes do verán a autorización ambiental e o proxecto da ampliación da AP-9

06/02/2009 Un proxecto fundamental para as comunicacións da cidade, a ampliación do tramo da AP-9 Santiago Norte-Santiago Sur, vai recibir un pulo tras a confirmación de que non será preciso para a obra un estudo de impacto ambiental. Así o indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, que agarda que para antes do verán este concedida a autorización ambiental e redactado o proxecto de execución.

O estudo de impacto ambiental non se considerou necesario por estimarse que se trata dun cambio no trazado existente e non unha obra nova. O alcalde explicou que a diferenza entre o estudo de impacto ambiental e a autorización ambiental é que o primeiro supón un prazo de dous anos e a segunda de entre tres e seis meses. Por iso agarda que antes do verán o Ministerio de Medio Ambiente poda conceder ese permiso.

Recordou Sánchez Bugallo que este asunto parte do acordo chegado no seu momento por el mesmo coa secretaria de Estado de Infraestruturas, Josefina Cruz, quen se comprometera a tramitar paralelamente a solicitude da autorización ambiental e a redacción do proxecto. Quedará entón pendente o acordo do Ministerio de Fomento e da nova empresa concesionaria da AP-9 para a execución da obra. Nesa mesma reunión, Cruz comunicáralle ao alcalde que as negociacións non comezarían antes de marzo.

Compromiso de Fomento co AVE
Na súa rolda semanal, Sánchez Bugallo referiuse tamén a outros asuntos de actualidade, como a visita da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez. Así, considerou "moi importante" que a ministra sume o seu compromiso coa chegada do AVE en 2012 aos xa manifestados polos presidentes do Goberno e da Xunta. Ademais da promesa de ter licitados todo os tramos entre Santiago e Ourense en 2009, o alcalde valorou o compromiso co remate da estación do AVE tamén para 2012 xa que, malia recoñecer o axustado dos prazos, "ese é o obxectivo que hai que manter".

Ao respecto da estación, o rexedor compostelán anunciou que a Asesoría Xurídica da Xunta deu o seu visto bo ao convenio para a construción da mesma, polo que pode ser xa sometida á aprobación do Consello da Xunta. Quedaría agora a ratificación polo Consello de Ministros e polo Consello de Administración de ADIF para proceder á sinatura do devandito convenio, algo que confía que se produza no prazo aproximado dun mes.

Tren de proximidade e aeroportos
En relación a este convenio e preguntado polos xornalistas ao respecto da posibilidade de trens de proximidade, o alcalde amosou o seu desexo de que os haxa, pero recordou que esta é unha decisión "que lle corresponde á Xunta e ao Ministerio de Fomento". Lembrou que, en calquera caso, o tren de proximidade"tería que utilizar as liñas do AVE", porque "o que non hai é sitio para máis vías no viaduto de Pontepedriña".

Outro tema sobre o que foi inquirido foi o dos aeroportos galegos e a súa competencia co de Porto (Portugal). Botando a vista á "tradición minifundista" de Galicia, indicou que "non é viable que os tres aeroportos compitan con Sa Carneiro" e avogou porque "os que teñen a competencia actúen en consecuencia".

Eixo Atlántico
Sánchez Bugallo tamén falou da súa participación na Asemblea do Eixo Atlántico. Indicou que a entidade se atopa nun momento decisivo cara a decidir o seu papel no futuro e a súa evolución cara unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT). A decisión sobre esta cuestión tomarase previsiblemente na seguinte Asemblea, o 3 de xuño e podería consistir, en palabras do alcalde, en manter o Eixo Atlántico como organización política e crear dentro dela a AECT.

Compartir: