EDUCACIÓN

Máis de 500.000 euros para melloras nos centros de ensino de infantil e primaria

05/02/2009 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, e o delegado provincial da Consellería de Educación, José Manuel Mouriz explicaron o plan de investimento nos centros de ensino públicos de infantil e primaria de Santiago para 2009. A Delegación ten previsto investir 250.000 euros en varias actuacións, que se unen aos 280.00 euros previstos de investimento municipal.

Segundo comentou o delegado provincial de Educación, este plan de investimentos é froito da "liña de colaboración constante entre este departamento e o Concello, que realiza un importante esforzo de mantemento dos centros". Neste sentido, a concelleira de Educación recordou que, neste 2009, a cantidade prevista para o mantemento dos centros escolares incrementouse un 103%, alcanzando os 280.000 euros. Destes, 150.000 euros xa están habilitados para obras en marcha ou de inmediata execución, como as derivadas dos danos causados polos temporais.

A Delegación Provincial de Educación centrará os seus esforzos en 2009 en obras nos colexios Raíña Fabiola e Apóstolo Santiago. No primeiro realizaranse obras para solucionar problemas de humidades, de malos olores procedentes da rede de saneamento e de fendas nas fachadas. No Apóstolo Santiago as actuacións teñen que ver co illamento da soleira.

Ademais, continuarase coas obras xa comezadas en 2008 no Monte dos Postes e en Fontiñas. As obras no primeiro dos colexios permitirán adecuar o espazo interior e habilitar un comedor escolar. No caso de Fontiñas, pintaranse os exteriores, melloraranse as canalizacións e arranxarase a cuberta do patio de educación infantil. Mouriz anunciou que probablemente tamén se realicen obras no Colexio de Vite, no que se demandan melloras na pintura, nos tellados ou nos accesos.

Tanto a concelleira coma o delegado recordaron que, ademais destas obras, está en marcha remodelación integral do colexio Quiroga Palacios, en Conxo, e a construción do novo centro Ramón Cabanillas, que se prevé estea rematado a finais de 2009. Estas dúas actuacións supoñen un investimento de máis de 5 millóns de euros.

Compartir: