TRANSPORTES

Carlos Nieves mantivo un encontro coa ministra Elena Salgado no transcurso dun seminario en Guimaraes

04/02/2009 O concelleiro de Transportes e Mercados, Carlos Nieves, que se atopa na cidade portuguesa de Guimaraes participando no Seminario "Cooperación Transfronteiriza de Segunda Xeración", aproveitou para reunirse coa ministra das Administracións Públicas, Elena Salgado, coa que comentou os próximos proxectos transfronteirizos que se van abordar dende a plataforma do Eixo Atlántico e que afectan dun xeito relevante a Santiago.

O seminario foi inaugurado polo alcalde de Guimaraes, Antonio Magalhaes; o presidente do Eixo Atlántico, Luis Filipe Menezes; o director de Cooperación Territorial da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, José Palma; a ministra das Administracións Públicas de España, Elena Salgado; e o ministro do Medio Ambiente, Ordenación do Territorio e Desenvolvemento Rexional de Portugal, Francisco Nunes Correia. As xornadas contan con preto de 200 participantes de máis de 40 entidades de 30 cidades, que debaterán sobre o futuro da cooperación transfronteiriza na Unión Europea os días 4 e 5 de febreiro.

Tras as boas experiencias e as prácticas realizadas no período anterior de Fondos Europeos, as rexións e cidades implicadas na cooperación entre fronteiras, xúntanse desta vez para debater e analizar as posibilidades de financiamento para o período 2007-2013, co obxectivo de atopar proxectos comúns para continuar o traballo que se ven desenvolvendo

Segundo a Ministra, coa situación global de crise na que nos atopamos, os proxectos de cooperación "son de indubidable interese para os cidadáns europeos en especial para España e Portugal porque a través deles se poden acadar maiores e mellores investimentos en equipamentos, infraestruturas, melloras en capital humano e innovación". En palabras de Salgado "é fundamental reforzar os instrumentos de cooperación e coordinación en todos os ámbitos materiais e en todas as escalas, dende a local á supranacional, xa que son necesarias solucións globais".

Como na Cumbre Hispano-Portuguesa celebrada en Zamora o 22 de xaneiro, ambos gobernos comprometéronse a favorecer a constitución e o funcionamento das AECT (Axencias Europeas de Cooperación Transfronteiriza) e a facer achegas comúns ao Libro Branco do Transporte. A AECT Galicia-Norte de Portugal, foi a primeira experiencia deste tipo na Península ibérica e a terceira en Europa. As AECTs supoñen un paso adiante na creación e promoción de entidades para o desenvolvemento de proxectos conxuntos, coa finalidade xeral de buscar solucións que poidan ser aplicadas a curto prazo e que se adecúen ás lexislacións existentes nos dous países.

Neste marco impúlsase a cooperación transfronteiriza, no que xa hai experiencias de cooperación e colaboración positivas, pero esta nova cooperación de segunda xeración vai promover unha nova integración europea, máis próxima aos cidadáns.

O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, participará no peche do seminario de Guimaraes, onde mañá acudirá á Comisión Executiva e á Asemblea Xeral do Eixo Atlántico.

Compartir: