COMERCIO

Ábrese o prazo de preinscrición no III Compostela Outlet

04/02/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a III Feira de comercio polo miúdo, Compostela Outlet, que se celebrará o 14 e o 15 de marzo no Recinto Feiral de Amio. Este edición increméntase a superficie de venda subvencionada e ofrécese aos comerciantes a posibilidade de ter postos máis grandes.

Despois dunha xuntanza cos comercios que participaron en 2008 e atendendo ás peticións do sector, increméntase a superficie dos postos de venda incluídos na área subvencionada, que será, como mínimo, de 900 metros cadrados. Así, os comercios que participen na feira de saldos poderán escoller entre dúas opcións: un posto de 6 metros cadrados, como o de anos anteriores, ou un maior, de 10 metros cadrados.

O prazo de preinscrición para participar na feira de saldos, enmarcada no programa Marzo, mes do comercio, abriuse o 4 de febreiro e rematará o 23 de febreiro. En Compostela Outlet pode participar calquera persoa física ou xurídica con estabelecemento aberto no municipio de Santiago, agás os do sector de alimentación.

A solicitude para participar en Compostela Outlet, que tamén se distribuirá entre os comercios de Santiago, xunto a un folleto informativo, pódese baixar na páxina web da Concellería: www.maiscompostela.org. Unha vez cuberta, hai que entregala no Rexistro Xeral ou en calquera dos rexistros auxiliares cos que conta o Concello. O espazo adxudicarse por orde de entrada en rexistro.

A participación está limitada ao número de postos resultantes do proxecto organizativo de deseño e acondicionamento do recinto feiral presentado polo entidade que resulte adxudicataria da organización do evento. A Xunta de Goberno Local xa aprobou o 27 de xaneiro a apertura do procedemento aberto mediante concurso para a adxudicación do devandito contrato.

Esta é a terceira feira de saldos que se desenvolve en Santiago. Por cada unha das dúas edicións anteriores, tamén organizadas pola concellaría de Promoción Económica e Comercio, pasaron case 16.000 persoas.

Compartir: